«Estamos preocupados porque o ano pasado houbo un estancamento no emprego e, ademais, as perspectivas son dun crecemento económico menor, co que vai haber perda de emprego. A emigración de mozos está a ser moi importante. É unha situación moi negativa que a Xunta non asume», di Suso Seixo. -¿Non lle está quedando ós sindicatos o papel de agoireiros perpetuos? -Non é un problema dos sindicatos. Nos informes do Consello Económico e Social de Galicia e do Consello Galego de Relacións Laborais aparecen reflectidos todos estes datos. Eles mesmos recoñecen que non hai un proceso real de converxencia co Estado e con Europa. Galicia ten un problema serio de cara ó futuro, porque ademais o Norte de Portugal está a progresar con máis rapidez. -¿Estase a reproducir no Bloque o enfrontamento de hai un ano na Confederación Intersindical Galega? -Penso que non é equiparable, aínda que hai certos paralelismos, coma, por exemplo, que en todos estes debates sempre se mestura unha forte dose de protagonismos persoais con visións diferentes do que se debe facer a nivel político e sindical en Galicia. «NÓS SOMOS RESPECTUOSOS» -¿É indiferente o que pase no BNG? -O que pase no Bloque Nacionalista Galego e en calquera organización do nacionalismo preocupános, pois formamos parte do movemento nacionalista. O que eu manteño é que nós seremos respectuosos con cada unha desas organizacións ó igual que o pedimos para nós. -A súa opinión non creo que difira das doutros dirixentes da Unión do Povo Galego (UPG). -(Ri). Non vou contestar. Só vou opinar cando participe nas distintas asembleas que se celebren. -¿Non cre que o longo conflicto de La Unión, con detidos, autobuses rotos e demais, desgastou a imaxe da CIG? -Penso que non, senón todo o contrario. Cando os traballadores ven que unha central mantén unha actitude coherente e de valentía, creo que o agradecen. -¿Claudicou a CIG do vello obxectivo de ser o primeiro sindicato? -Non claudicamos aínda que non é fácil. No último proceso estabamos no 25,2% dos delegados e o noso obxectivo é mellorar significativamente e medrar en dous ou tres puntos a nosa representación.