DARÍO VILLANUEVA, RECTOR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
21 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Breve e conciso. Así se mostrou onte o rector da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, ó contesta-las preguntas que lle plantexaron os internautas no encontro dixital que sostivo na páxina lavozdegalicia.com. A LOU foi o fío conductor deste foro no que Villanueva deixou claro que, pese a aprobación definitiva da lei no Congreso, a batalla aínda non está perdida de todo. -Os gobernos saben moi ben que a maioría parlamentaria ten que harmonizarse co consenso social. Había tempo que a universidade non se pronunciaba como está a facer e, ou pouco entendo de política, ou esta realidade está na axenda dos nosos lexítimos representantes, gobernantes e membros da oposición. A Universidade de Vigo acordou establecer unha estratexia de acción conxunta co resto de universidades de Galicia para negociar coa Xunta os aspectos relativos ó desenvolvemento da lei. Neste senso, Darío Villanueva aclarou que ese foi un tema que a propia Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), na súa reunión do pasado xoves, acordou estudiar. «Cumprirase a lei, pero o seu desenvolvemento vai ser complexo e admitirá distintas perspectivas», vaticinou o rector compostelano. Os internautas lanzaron ó rector duras preguntas sobre a carga policial contra un grupo de estudiantes que o venres pasado se pecharon nas dependencias do Rectorado de Santiago para protestar contra a LOU. -Explíquenos quen ordenou a carga do pasado venres. Cremos que a policía non pode entrar na sede do Rectorado sen a súa autorización. -Na sede do Rectorado non houbo ningunha carga policial. O rector e o seu equipo, despois de cinco horas de esforzo inútil, demandaron o desaloxo e identificación dos 29 ocupantes, o que se fixo sen violencia por ningunha das partes. De tódolos xeitos, Villanueva evitou respostar ós que lle pedían a súa valoración sobre a petición de dimisión que lle formulou onte a Asamblea de Estudiantes de Compostela pola intervención policial.