Contra a LOU están desde rectores de variadas posturas ideolóxicas e políticas ata colectivos de estudiantes, traballadores e profesores
07 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.CONTECE poucas veces, pero a pequena escala parece que agora estamos diante dun deses raros casos nos que intereses e sensibilidades diversas se unen na defensa dunha postura común. Refírome á capacidade de integración que a LOU está a a mostrar, unindo desde rectores das máis variadas posturas ideolóxicas e políticas ata colectivos de estudiantes, traballadores e profesores. ¿Unha unión sagrada como un casus belli, ao estilo do que sucedeu no principio da Primeira Guerra Mundial? Tal vez a cousa non sexa para tanto, pero merece a pena reparar nas causas que a impulsan. Aparentemente, a LOU dispón de suficiente apoio parlamentario, incluído o voto favorable de nacionalistas cataláns e canarios. Por tanto, non é dunha arbitrariedade gubernamental do que se trata, nen dunha ocurrencia dunha ministra que, remedando os tempos de Primo de Rivera, poña á universidade en pe de guerra cun réxime político. Cando estudiantes da FUE e profesores liberais protestaron contra a política universitaria no ano 1929 (que, casualmente, tamén beneficiaba a centros privados), a protesta era menos unida do que agora, pero tamén tiña algo de repudio do sistema político no que vivía España. Agora, sen embargo, o sistema non está en causa, pero a unión parece máis forte. Excelencia e distinción Cando esto sucede, é que algo simbólico e inmaterial se está a poñer en causa. Aínda que se fale da endogamia universitaria, da irracionalidade dos claustros, das dificultades de goberno que ten o sistema universitario, hai algo en común que une a toda a colectividade universitaria, que é a convicción de pertencer a unha institución plurisecular, basada na excelencia e na distinción, que ten superado ao longo dos séculos os reximes máis diversos e as apetencias máis desaforadas dos poderes externos, públicos e privados, relixiosos e laicos. Ollada desde fóra, pode parecer unha situación de privilexio. Pero a alternativa non é crebar esta tradición con fins políticos, senón limitala nos seus aspectos negativos e facilitar que a universidade, como corporación, poida competir nunha sociedade aberta e de mercado. E para meu ver, esto é o que non se atopa na proposta actual da LOU, que non aspira a preparar o sistema universitario para a sociedade do século XXI. A universidade ten grandes eivas, pero esta LOU non afronta a máis importante de todas elas, que é facer responsables aos seus gobernantes, no sentido de que eles mesmos teñan que soportar as consecuencias dos seus propios actos. Non se fala para nada nen da financiación da educación superior, nen da capacidade de establecer por parte das universidades opcións estratéxicas propias, que teñan que ver coa súa eficiencia de xestión e non coa dependencia política. Os resultados desta unión sagrada son difíciles de prever, a non ser nunha cousa: que se perde unha ocasión de ouro para renovar verdadeiramente a universidade. Unha extraña tramitación parlamentaria, un xogo ao escondite cos rectores, unha vontade máis de humillación que de transformación do sistema de goberno da universidade son algunhas razóns que explican a unión sagrada. A razón última da resposta masiva e interclasista, por serodia que se teña producido, pon de manifesto que a comunidade universitaria ten interiorizada a condición de ser unha verdadeira corporación, no sentido máis noble do termo.