O Arousa xa non pode presumir nin da mellor defensa da Liga

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

CAPOTILLO

Tras o 3-0 do Gran Peña, os de Luisito suman máis goles encaixados ca un líder, Bergantiños, que ofensivamente o supera en once

06 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa viaxou na matinal do domingo a Vigo convencido de atoparse ante a súa quizais derradeira oportunidade de engancharse a unha carreira polo título e o ascenso directo á Segunda R.F.E.F. na que non está nin estivo en ningún momento da temporada. O 3-0 encaixado a mans do segundo clasificado, o Gran Peña Celta C, non só apagou a chama da esperanza entre a práctica totalidade da afección arlequinada. Tamén finiquitou a única razón práctica á que se asía o conxunto vilagarcián á hora de continuar postulándose á coroa de campión do grupo galego da Terceira R.F.E.F. E é que o 3-0 propinado polo segundo filial do Celta saca os de Luisito Míguez do alto do podio defensivo, co Bergantiños desbancándoos coma equipo con menos goles en contra da competición con 12, polos 13 do Arousa, os mesmos que loce o seu último verdugo.

Dáse a circunstancia de que entre o Bergantiños e o Gran Peña Celta C asinan practicamente a metade dos tantos encaixados polo conxunto vilagarcián, co cadro de Carballo acadando a súa vitoria máis avultada coma visitante co seu 1-3 no céspede da Lomba o 19 de novembro. Un dato este que non fai máis ca afondar na sensación xeneralizada de que Bergantiños e Gran Peña, que esta semana se verán as caras no Campo Municipal das Eiroas, xogan realmente noutra Liga diferente á dos 16 equipos restantes do grupo galego da Terceira. Incluído un Arousa a 13 puntos do líder e a 11 máis o que suma o diferencial goleador a prol do cadro de xogadores no que militan os ex da canteira arlequinada José Rivera e Hugo Losada. E iso, cando restan 45 puntos por disputar.

Quinto clasificado no bordo da zona de promoción de ascenso cun só punto de colchón fronte á Sarriana e o Silva e dous respecto ao Somozas, a perda do seu plus defensivo o pasado domingo rematou de espir a distancia abismal que, neste momento, separa o Arousa dos dous equipos que marcan o ritmo da loita polo título. Bergantiños e Gran Peña Celta C suman 11 e 10 goles a favor máis cos de Luisito, respectivamente, quitándolle 10 e 8 puntos ao terceiro clasificado, a U.D. Ourense. O Arousa tratará de beneficiarse do duelo directo nas alturas desta semana mentres recibe na Lomba o pechacancelas, Arzúa.

O xuvenil de Perú encadea a súa segunda derrota

Segunda derrota consecutiva e pola mínima do Arousa na Liga de División de Honor Juvenil. O conxunto que dirixe Perú caeu o domingo no feudo dun Real Oviedo que, desde o segundo posto na clasificación, trata de non perder o ronsel do líder Racing Santander, a 4 puntos de diferenza. Unha acción de córner deu pé ao único gol do encontro, obra do futbolista local Álex Muñiz no minuto 24 de xogo. Un e outro equipos dispuxeron de ocasións máis ca suficientes para engordar o marcador, co Arousa dominando en varias fases do encontro. Coa súa derrota, os de Perú, con 25 puntos, caen á novena praza.