Dende hai uns días non paro de ler noticias sobre os riscos da intelixencia artificial, unha vez que sabemos da súa potencialidade para matarnos a todos antes de que remate esta década. Entendo que se trata dunha perspectiva que pon a pel de galiña. Aos problemas derivados do cambio climático e ao ascenso xeneralizado da ultradereita, cada vez máis embravecida, temos que sumar agora o medo a que as máquinas tomen o mando e se boten contra nós, completando así unha apocalipse coa que ninguén contaría hai dúas ou tres décadas. Entre tanto, disque a madrugada do mércores pedirá paso o outono astronómico, así que escribo isto escoitando en bucle Summer’s End, unha triste e fermosa canción de John Prine capaz de convencer ata aos espíritos máis pétreos de que o único importante na vida se recibe por vía epidérmica. A ese refuxio tendemos todos, mesmo os que presumen de pel curtida. O remate do verán, coa voz do cantautor de fondo, devólveme a lembranza fortuíta de horizontes máis apracibles, cando nos peores tempos da pandemia un exército de incautos aínda considerabamos o futuro un lugar onde dirixirnos con certa confianza, a pesar de que non podiamos tocarnos.
A covid-19 levounos a Prine nos seus primeiros días de furia, e coas súas consecuencias políticas acabou marcando un antes e un despois na nosa maneira de considerar o porvir, que segue moi avariado e con visos de sufrir unha longa convalecencia. Para compensar o derrotismo, cónstame que hai algúns optimistas na sala. En Suecia, ese país presentado durante décadas como modelo de benestar e xustiza social que as novelas de Maj Sjöwall e Per Wahlöö nos ensinaron a ver polas súas costuras, veñen de conectarlle un directo á mandíbula dos reaccionarios. Por alí están medrando os cidadáns a flor de pel: xente que considera urxente construír máis vivenda pública, poñer límites ao prezo dos alugueiros e aumentar o investimento en educación e sanidade, medidas que por outros lares se consideran un billete de ida cara á Camboxa de Pol Pot.Benvido sexa así o outono, coa razón sueca poñendo cordura. Quero pensar agora no contaxio mentres se achega a nova estación.
Se a intelixencia artificial decide liquidarnos de aquí ao inverno, que polo menos nos colla facéndolle xustiza aos que nos precederon. Eses heroes antigos que un día defenderon un traballo, unha casa, un hospital, unha escola, a vitoria da pel dura.