Paraísos improvisados

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras PENSAMIENTOS IMPERFECTOS

FUGAS

El Parque Natural del Valle de Iruelas, arrasado por los incendios en Ávila
El Parque Natural del Valle de Iruelas, arrasado por los incendios en Ávila RAÚL SANCHIDRIÁN | EFE

Sempre hai paraísos que agroman á marxe da desgraza, coma na calamidade dos incencios, onde un grupo de homes e mulleres xogan ás cartas cun sorriso tenso no rostro, aloxados nun pavillón de Ávila. Camiñamos aprendendo o mecanismo de defensa sobre a marcha

31 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nalgún fotograma da infancia véxome regresando a Ourense cos meus pais despois de pasar un domingo eterno na praia. Asistimos a un espectáculo devastador, pero a min non semella afectarme. Vivo completamente alleo aos lumes que nos acompañarán pola N-120 ata albiscar as primeiras luces da cidade, momento en que quizais siga durmido e pola radio informen da última vaga de incendios no país. Acudo agora a un recordo para confesar o paradoxo de que o olor a monte queimado, aínda revelando unha catástrofe, sempre me reintegra en primeira instancia a ese episodio de plenitude infantil, cando a principios dos oitenta toqueneaba nos asentos traseiros dun Seat 124 co mar de Vigo incrustado nos ollos. Sempre hai paraísos que agroman á marxe da desgraza, con independencia de calquera desolación. No coñecido desenlace de A fuxida, película coa que Sam Peckinpah adaptou a novela homónima de Jim Thompson, os personaxes que interpretan Ali MacGraw e Steve McQueen escapan dos seus perseguidores e acaban cubertos de refugallos nun vertedoiro, instante en que por fin parecen reconducir a súa erosionada relación. Malia atoparse nun escenario inhóspito, entre moreas de lixo, localizan unha físgoa pola que se abre un inesperado paraíso.

Reconstrúense entre a destrución. Seica Cesare Paseve miraba pola fiestra do seu cuarto, nunha mañá turinesa, cando colleu a pluma e escribiu un poema para refuxiarse das perturbacións do exterior. Titulouno O paraíso sobre os tellados: «Será un día tranquilo, de luz fría / coma o sol que nace ou que morre, e o vidro / pechará o paso ao aire sucio do ceo».

Volvendo á calamidade dos incendios, vin na televisión un grupo de homes e mulleres que xogaban ás cartas cun sorriso tenso no rostro, aloxados nun pavillón deportivo de Ávila. A pesar da incerteza, a pesar da dor, improvisaban como podían un animado oasis sobre unha mesa de cámping. Non hai teorías, todo é práctica. Somos arroxados á vida e ninguén nos ensina a proceder con esa intelixente decisión ante a adversidade.

Camiñamos aprendendo o mecanismo de defensa sobre a marcha, desarmados ante o descoñecido, medio somnámbulos, e descubrimos outra vez que sempre hai paraísos de garda, por insuficientes que sexan, dispostos a paliar un desastre. Botamos a partida. Miramos tellados pola fiestra cando o mundo se vén abaixo. En realidade, quedamos durmidos de novo nos asentos traseiros dos coches.