Dani Cornes, vivir en Barcelona cantando en galego: «Cada vez que veño sinto máis que a miña casa é aquí»
FUGAS
Vive e traballa en Barcelona e dende alí canta ben lindo en galego sobre as feridas emocionais que provoca a distancia e o sentirse sen fogar
19 jun 2026 . Actualizado a las 19:50 h.A esas voces tan persoais de artistas galegos residentes fóra de Galicia que están a cativar o panorama musical español —léase Carlos Ares ou Sen Senra— ben podería sumarse en breve a do grovense Dani Cornes (O Grove, 1997). Cunha particularidade. El vive en Barcelona, onde traballa como operador de cámara, pero todas as cancións, as que compoñen o seu fascinante e hipnótico álbum de debut, Aquí sempre tes casa, están escritas e cantadas en galego. Dani Cornes xoga nelas con rexistros sonoros voluntariamente variados, que van do pop intimista ao ambient máis abstracto, do coqueteo co urbano á querenza polo noise. Variedade que non concede no conceptual. O disco articúlase en torno á idea de ter que emigrar, de sentirse alleo nun lugar, de deixar nun faiado os recordos e nun recuncho do corazón ás persoas queridas. Un disco que é o relato de tres viaxes: a xeográfica, a temporal e a emocional. Contadas, iso si, dende un lugar moi poético, sentido e moi persoal.
—«Aquí sempre tes casa», titula. Onde está esa casa?
—Estou nunha fase que creo que é Galicia. Cando volvo sinto que con esa frase estoume falando a min mesmo e que casa é aquí.
—É viable seguir mantendo un pé en Galicia e outro en Barcelona?
—Obviamente, eu quero seguir crecendo e tocar en máis sitios, pero tendo en conta do que falo nas miñas letras e que canto en galego son consciente de que esa capacidade de medrar está limitada por onde estou xeograficamente, así que creo que ten sentido volver aquí. Pero cando e como aínda está por ver.
—Rexeita intentalo no circuíto catalán?
—Non é que o rexeite. Pero dende sempre o que me chamou foi tocar en Galicia. Cando máis me sinto eu é cando estou aquí. Pero, claro, tamén é certo que acabas o concerto no Surfing the Lérez, estás moi contento porque todo saíu ben, dáste unha aperta cos teus músicos, botas unhas birras no backstage, volves a casa e espertas ao día seguinte de resaca cunha mensaxe dun cliente dicindo: «Oye, tal día, ¿puedes venir a trabajar?», e xa volves á terra.
—Hai quen lle dixo que cantar en galego era pegarse un tiro no pé.
—Penso moito niso. Pero eu entendo que o idioma non me pecha portas, senón que me achega un elemento diferenciador. E penso que tamén está ben que haxa un pop así, un pouco máis cantautoril, en galego.
—É certo que as primeiras cancións do seu disco soan a cantautor, pero nas últimas xa hai guitarras e electrónica desenfreada.
—Xa, supoño que serei cantaprodutor [ri]. De feito, eu cando me sento a compoñer a letra xa estou tamén pensando no seu tratamento sonoro e no proceso de producir.
—É o seu un disco conceptual?
—Eu diría que ten unha estrutura planeada. Durante a pandemia fun consciente de que tiña que emigrar para atopar traballo no meu, no audiovisual. E a partir de aí enfiei a narrativa das cancións para que tivesen unha coherencia temática.
—Cre que fan falta máis cancións e menos discursos?
—Eu manexo referentes moi variopintos cando, por exemplo, escoito cantautores. Volvo moitísimo a Silvio, a Suso Vaamonde, a Lluís Llach, a Violeta Parra ou a Víctor Jara. E aínda que as miñas letras non son explicitamente políticas, eu son unha persoa moi emocional e si que hai moito de política na súa representación, en decidir cantar en feminino, en evidenciar a precariedade da mocidade e do emigrado... É dicir, a política está aí, aínda que non sexa tan obvia. Eu penso que si que fan falta discursos ou corremos o risco de depurarnos e acabar facendo esas letras excesivamente melosas e ñoñas que non levan a nada.
—Por que decidiu cantar en feminino?
—Por separarme de como estaba sendo naquel momento e xerar un personaxe que fose oposto a min. Para poñer a voz nela e que fose ela quen narrase a historia. Pero co tempo deime conta de que me dá absolutamente igual utilizar un xénero ou outro. Vou variando dependendo de como me sinta cada día. Aínda que teño que recoñecer que agora estou pasando unha etapa moi masculina de dios [ri].
—A autorreferencialidade está moi presente nas súas cancións. Non sente pudor?
—Non, porque sinto que non son eu falando comigo mesmo. Este disco escribino como para tranquilizarme. Terapéutico non sería a palabra correcta porque non tiña un trauma, pero quería atopar respostas para esa voz que tiña na cabeza que me dicía: «Que pasa se vives lonxe do sitio onde atopas traballo?» ou «que pasa se sentes ansiedade por una mudanza?».
—Que idea sobre si mesmo cambiou máis dende que empezou a dedicarse á música?
—O que máis mudei foi a forma na que me vexo no escenario. Eu son unha persoa hiperconsciente do meu corpo e sei que cando subo a un escenario a xente me mira e pode xulgarme pola forma de moverme, de bailar ou de xesticular. Houbo un tempo no que tiña a autoconfianza polo chan e dicía: «Igual non vales para subirte a un escenario. Igual o teu é tocar cancións cunha guitarra nunha festa e ser o mítico pesado de sempre». Pero cantos máis bolos fago, máis me dou conta de que creo que si podo facelo.
—Como pelexa no escenario para conseguir que o público se manteña atento nestes momentos nos que a atención se reduce aos 15 segundos que dura unha pílula de TikTok?
—E heavy o tema. Eu noto que a miña canción que mellor funciona é a que lle dá título ao disco, e dura dous minutos e 43 segundos. É unha canción que ten verso, ponte, estrofa e acabouse. Pero agora estou escribindo cancións novas para o seguinte disco e duran catro, cinco e seis minutos e non sinto que lles sobre nada. Segundo me vou desprendendo da xuventude, estou asentando o meu ritmo e apreciando cancións máis distendidas.
—De que falan esas novas cancións, seguen falando da emigración?
—Non. O tema que as atravesa é ser consciente de facerse maior a cambio de certas perdas ou de certos cambios na túa vida.
—Queda algo en vostede do Dani Cornes que con 15 anos se fixo viral con aquel «Rías Baixas Style»?
—Buah! Aquilo foise de madre sen pretendelo. E fódeme porque entras en YouTube a buscar o meu nome e o segundo vídeo que sae é ese. É algo inevitable que me perseguirá toda a vida. Teño que aprender a estar en paz con iso.
—Aínda non o está?
—Non sei, era moi novo e moi naif. É algo que nin de coña tería feito agora. Pero tamén é certo que a raíz daquelo chegaron moitas cousas. Pode ser que a miña intención de ser músico nacera a partir daquel vídeo con máis dun millón de visualizacións.