Nuns días arrincará o verán, que este ano trae consigo a celebración dun Mundial de fútbol. Sempre confío no verán para que me arranxe algo. Váleme o esplendor de xullo ou a apoteose de agosto. Tamén a elasticidade de setembro. O caso é que me amañe algunha avaría: un frío do inverno, un desaxuste da primavera, unha melancolía do outono. Males acumulados. A piques de comezar o verán de 1982, en tempos de Naranjito, estragóusenos a tele nun momento de máxima tensión. Era un modelo cuxos laterais de madeira lle outorgaban esa fasquía de moble macizo tan propio da época, un tótem indestrutible que presidía o centro neurálxico da casa. Lembro a meu pai dando voltas pola cociña, un león preocupado a escasas horas do partido inaugural. «Todo ten arranxo», repetíanos. Pero unha voz angustiada dentro de min dicíame que aquel aparello nos abandonara sen solución, e que nunca veriamos os goles de Paolo Rossi ou os saltos de Sandro Pertini celebrando o triunfo da selección italiana. Trabuqueime, por sorte. O lance solventouse coa rápida intervención dun veciño —lenda multidisciplinaria do barrio ourensán de San Francisco, un Mac Gyver avant la lettre especialista en avivecer calquera trebello cun desaparafusador— e houbo Mundial na casa. Aínda que non sempre infalible, o procedemento para desencadear certas restauracións estaba, entendería anos máis tarde, en saber confiar. En saber confiar a cegas en todo tipo de saneamentos. Escribo isto e véñenme á cabeza aqueles veráns plenos e inextinguibles, con Mundial de fútbol ou non, e constato a paulatina desaparición daquelas estrelas compoñedoras. Entendo así mesmo que os tempos mudaron, e que a obsolescencia programada arruinou un xeito de relacionarnos cos obxectos, enviados agora ao lixo sen contemplacións. Confirmo tamén que atravesamos unha época histórica na que gaña o escurantismo, sen honorables partisanos cantando o triunfo da igualdade, coma Sandro Pertini no palco do Santiago Bernabéu, e que nada apunta a unha reactivación dos vellos televisores de tubo. Pero non entro en pánico. A poucos días do lume de San Xoán, confío no poder restitutorio da estación inminente. Quedan daqueles veráns afastados da infancia, cando os veciños entraban nas casas por asalto e o meu pai se parecía a Johnny Cash, algúns materiais aínda en garantía. Unha convicción de que todo, a pesar de tantas roturas, vai tendo arranxo.