Editada por Alvarellos, anda polas librarías unha edición facsimilar de Con pólvora e magnolias, obra coa que Xosé Luís Méndez Ferrín axitou as augas da poesía galega en 1976, hoxe título capital da nosa literatura. Alá van cincuenta anos dun artefacto que se mantén moi vivo, sempre cos brillos dunha factura actual, contemporáneo a perpetuidade. Lembro a miña primeira lectura dos poemas na antiga biblioteca pública de Ourense, sendo inmortal e adolescente, e experimentar o impacto dese libro inesgotable ao que tantas veces seguiriamos volvendo na idade adulta. En Con pólvora e magnolias alóxanse o amor, o paso do tempo, a mensaxe política, o carácter irremediable da morte. E a través das súas brillantes páxinas estivo un viaxando dende aquela por Ezra Pound ou Jack Kerouac, con paradas habituais en Janis Joplin, Rosalía de Castro ou François Villon. Aínda me sucede coa lectura de Señoras do pasado, poema que nos remite á célebre Ballade des dames du temps jadis do poeta medieval francés, e que Ferrín nos presenta cunha cita doutro xigante, o cantautor anarquista Georges Brassens.
Nunha das súas cancións máis emblemáticas, prodixio de mordacidade e intelixencia, o autor de La mauvaise réputation expresaba: «Morramos polas ideas, de acordo, pero de morte lenta». Tropecei estes días cun pequeno fragmento dunha entrevista a Roberto Bolaño na que o escritor chileno confesa como se foi modificando a súa percepción de Salvador Allende, ao que moitos na mocidade lle recriminaran a decisión de non entregar armas aos grupos de esquerda para defender o goberno da Unidade Popular fronte o golpe de estado. Explica: «Creo que con el tiempo es una de las cosas que ennoblece a Allende: el hecho de evitarnos la muerte. El aceptar la muerte para él mismo, pero evitárnosla a nosotros». Lei de vida: o curso dos anos ensina que nada escapa aos designios da morte. Morremos rápido, morremos lento, morremos cada segundo sen sabelo. Todo o que nace procede de xeito implacable á súa desaparición. Esvaécense ideas, amores, e desaparece tamén a sensación de inmortalidade que tiñamos algúns cando liamos por primeira vez cousas así de Ferrín: «Saudemos a morte; / non deamos pousada a Bach ou Joplin. / Contemplemos / o seu fermoso rostro á nosa beira». Estamos condenados a ser señoras e señores do pasado. A boa noticia é que a todos nos sobrevivirá o fermoso rostro de Con pólvora e magnolias.