Inquieta comprobar como a escrita xerada pola intelixencia artificial se está facendo cada vez máis forte, ocupando espazos da comunicación onde ata hai pouco era imprescindible un mínimo exercicio de esforzo ante a páxina en branco. Nótase na prosa plastificada e condescendente, incapaz de atinxir a vibración do pensamento humano, coa que se expresa a IA en textos maquillados para facerse pasar por xornalismo, divulgación e mesmo literatura. Reciclaxe sintáctica, en realidade. Pero estamos xa nesa fase distópica en que o recurso indiscriminado á máquina, para moitos, é parte fundamental do proceso de escrita. O futuro non se presenta moi alentador, tendo en conta que falamos de ética e responsabilidade individual. E de que nos domina o imperio da inmediatez. Supoño que en breve estaremos todos lendo centos de novelas apoiadas en descricións urdidas mediante Chat GPT, e que as mesas de novidades lucirán ateigadas de libros facturados por quen escriben a través de retallos extraídos dunha combinación de algoritmos. Lonxe de asestarlle un tiro de graza, os optimistas sosteñen que esa proliferación de sucedáneos traerá beneficios á literatura. Que a hexemonía crecente dunha prosa inorgánica, acicalada por oportunistas, obrigará aos escritores responsables a coller músculo no estilo, ese terreo onde a IA sempre amosará a súa coxeira. Pode ser. Entre outras moitas cousas, escribir equivale a perderse un só na escuridade dunha casa descoñecida e non querer saír. Significa colocarse nun extremo, correr riscos, deixar de facer pé, amosar vulnerabilidade, render contas coa memoria, tomar decisións equivocadas, levantar acta das nosas limitacións. Todo un material explosivo que os escritores infiltran nos textos, a miúdo sen seren conscientes, e resulta inabordable para calquera intelixencia artificial. Supoño que de aí agroma esa esperanza dos colegas que advirten a resposta dunha literatura tensionada fronte ás infecciosas alquimias do algoritmo. Unha literatura defensora a morte da súa xurisdición. Unha literatura que se estableza en territorios de fronteira, a salvo da máquina, máis imprudente, gozosamente imprevisible, orgullosa de seguir administrando perplexidades e contradicións. Unha literatura con historias desencamiñadas por unha técnica aínda incerta, unha literatura insegura tropezando ao nacer. Quen sabe. Non descarto adherirme a ese sentimento.