«As liñas descontinuas»: algo novo baixo a néboa da crise dos 50

redacción / La Voz

FUGAS

<span lang= gl >Momento da rodaxe de «As liñas descontinuas», de Anxos Fazáns. </span>
Momento da rodaxe de «As liñas descontinuas», de Anxos Fazáns.  Sabela Eiriz

Este venres chega aos cines, con varias distincións baixo o brazo, a nova película da viguesa Anxos Fazáns

20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os 50 non son «os novos 30». Superado o márketing banal do desexo de non envellecer, son tema de cine. Andan a abrir o ollo da cámara, e da xente. Os 50 trouxeron máis dunha crise con trama e ambientación de cine. Entre as derradeiras, a que amosa, rodada en Galicia e integramente en galego, a directora Anxos Fazáns (Vigo, 1992) en As liñas descontinuas, que chega hoxe ás salas comerciais. O reparto está encabezado por Mara Sánchez e un debutante Adam Prieto. Con eles conduce este drama intimista que nos leva do desconcerto á tenrura a directora que gañou con Fame o premio a mellor webserie en lingua galega do Carballo Interplay 2015 e deslumbrou coa longametraxe A estación violenta, adaptación da novela homónima de Manuel Jabois.

 

Cun continuo de recoñecementos chega aos cines As liñas descontinuas, tras percorrer numerosos certames nacionais, nos que cultivou diferentes premios; no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón acadou o Dama ao Mellor Guion de Película Española e o premio Rambal da Asociación asturiana Xega.

A película situános ao carón de Bea, unha muller de 50 anos que afronta un divorcio. Xusto o día no que ten que pechar a porta de vinte anos de vida, chega á súa casa e atopa todo patas para arriba e a un dos supostos ladróns durmido na súa cama. Ese azar de impacto móveo todo cara a un lugar inesperado.

A sorpresa é o encontro, o de Bea con Denís, un mozo de 28 anos que loita coa precariedade laboral. Pasan tres días xuntos, pero quedan as liñas...

Triángulo de Amor Bizarro e The Rapants compoñen, entre outros, unha paisaxe sonora que acompaña a evolución emocional dos protagonistas da película.

Ler a noticia de que un ladrón quedara durmido na casa na que entrara a roubar deulle a Anxos Fazáns a idea dunha curta que acabou nesta longa. Para rebaixar o medo de cambiar de carril.