Un século despois, esta xoia de Ramón Otero Pedrayo lese coma quen percorre o país a pé, paso a paso, cada vez con ollos novos, descubrindo a mapa íntimo da nosa identidade
13 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.En decembro pasado o Parlamento galego acordou por unanimidade declarar este 2026 Ano Otero Pedrayo. Conflúen dúas efemérides: os cincuenta anos da súa morte e o centenario da publicación da Guía de Galicia, ese libro que se le coma quen percorre o país a pé, paso a paso, deixando en cada páxina unha lembranza.
Como non podía ser doutra maneira, a Fundación Otero Pedrayo vive este tempo con entusiasmo e quere facer partícipe a sociedade dunha celebración que ten sentido se é colectiva. Entre as iniciativas máis fermosas está o convite a procurar nas nosas casas un exemplar da Guía de Galicia e compartir a fotografía xunto co significado que garda para nós. Desde xaneiro, as redes da Fundación convertéronse nun espazo de evocación: primeiras edicións gastadas polo uso, volumes que conservan dedicatorias manuscritas, libros sostidos con orgullo por mans sabedoras da herdanza que acubillan. Así se vai debuxando outra guía, non menos valiosa: a dos galegos e galegas que soñamos percorrer Galicia da man de don Ramón.
A primeira edición imprentouse en Madrid, nos talleres de Espasa-Calpe, e podía adquirirse por dez pesetas. Non tardaría en esgotarse, polo que unha nova versión saíu do prelo na Librería y editorial Sucesores de Galí, na compostelá rúa do Vilar, en 1945, a un prezo de corenta pesetas. Se ben hoxe parecen cantidades irrisorias, o certo é que eran libros custosos. Otero revisou e transformou substancialmente a obra, consciente de que unha guía é sempre un libro vivo. Aínda incorporaría nova documentación para a edición de Galaxia, posta en circulación en maio de 1954: mapas renovados, fotografías actualizadas, itinerarios ampliados.
En 1950 Otero Pedrayo asumira a presidencia da editorial, nun momento persoalmente luminoso: acadara a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago tras máis dunha década de ostracismo, logo de ser apartado da docencia. Se ben salvara a vida, vivira un duro exilio interior que comezou a disiparse naqueles anos composteláns. Rodeado de estudantes que o admiraban —Méndez Ferrín, Franco Grande, Ramón Lorenzo, Xosé Manuel Beiras e tantos outros— atopou unha nova felicidade e un diálogo fecundo coas xeracións que continuarían o seu vieiro galeguista.
A Guía de Galicia converteuse no primeiro éxito de vendas de Galaxia. Coincidindo co ano santo compostelán, vendéronse nos primeiros cinco meses mil exemplares; ao ano, os seis mil impresos estaban esgotados e foi precisa unha nova tiraxe. Coa xenerosidade e o humor que o caracterizaban, Otero renunciou aos dereitos de autor en favor da editorial, aínda que con retranca manifestou que non lle viña mal un traxe e un paraugas.
Para conmemorar este centenario, Galaxia publicará unha edición comentada a cargo do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago. Así mesmo, estes días presentouse o documental Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe, dirixido pola catedrática María José Bravo Bosch, que combina escenas de ficción —nas que Otero aparece tanto na nenez como na idade adulta, na súa casa de Trasalba ou percorrendo Galicia— e entrevistas a especialistas para ofrecer unha lectura fonda e matizada dunha figura esencial da cultura galega.
E entre edicións e homenaxes permanece o seu legado, a súa guía para camiñar Galicia e descubrila con ollos novos cada vez, percorrendo o mapa íntimo da nosa identidade.