50 anos de Filoloxía: de Mazarelos a Vista Alegre

Ramón Nicolás

FUGAS

Facultade de Filoloxía de Santiago
Facultade de Filoloxía de Santiago PACO RODRÍGUEZ

16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 1975, un ano de transformacións e incertezas mais o que xa estaba fóra de toda dúbida, pois contaba coa preceptiva autorización oficial, era a posta en marcha da Facultade de Filoloxía na Universidade de Santiago para o que se adaptara o antigo edificio de Mazarelos que fora Schola Grammaticorum e Casa de Exercitantes anexa á igrexa da Compañía de Xesús. O ano pasado celebráronse, pois, cincuenta anos desde a súa fundación e, con excelente criterio entre outras iniciativas, a propia universidade editou este De Mazarelos a Vista Alegre. Medio século da Facultade de Filoloxía da USC, que viu a luz grazas á coordinación de Elis J. Feijó Torres e de Elsa González Álvarez, decano e vicedecana da Facultade, ao que cómpre sumar o labor de Henrique Neira, responsable dunha precisa, útil e documentada cronoloxía e mais da ampla selección de documentos e material gráfico que balizan este volume, publicados aquí por vez primeira a meu entender. O libro componse por máis dun cento de colaboracións que facilitan un percorrido pola historia da facultade desde a súa fundación ata os nosos días. Mais tamén é unha revisión, inevitablemente melancólica e un chisco nostálxica, sobre os anos de formación académica que, maioritariamente, son as que se recollen no volume. Para un, que se honrou en colaborar nesta empresa colectiva, os tempos de Mazarelos arrastraron vivencias como coñecer a Ricardo Carvalho Calero na Facultade, asistir a un recital memorable de Uxío Novoneyra ou a conferencias sobre Celso Emilio Ferreiro por mor Día das Letras que protagonizou no ano 1989, alén de escoitar as voces dun recital nocturno do colectivo Ronseltz, coñecer a Saramago ou Agustina Bessa-Luis. Non teño dúbida que este tipo de formación universitaria, a que acollía as aulas do edificio de Mazarelos entre a que estaba afondar no coñecemento científico e na defensa irrenunciable ao idioma e á cultura propia, presentaba unha feliz confluencia coas oportunidades que brindaba aquilo que estaba fóra do horario lectivo. Todo por xunto contribuíu a formar a centos de docentes que entendemos que a aprendizaxe afloraba dentro e tamén fóra das aulas. Un segue acreditando niso.