Mary e os elos das súas cadeas

Ramón Nicolás

FUGAS

La escritora Nell Leyshon
La escritora Nell Leyshon PACO RODRÍGUEZ

02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Evidentemente, Da cor do leite da novelista e dramaturga británica Nell Leyshon é ficción, pero un non deixa de pensar nesa data na que a voz narrativa, en primeira persoa, afirma en varias ocasións que escribe no ano de «mil oitocentos trinta e un do noso señor». Nun contexto reproducido con clareza como é o da sociedade rural británica daquel tempo, Mary, unha nena de 15 anos, relata os acontecementos e as vivencias que experimenta na súa propia carne, na súa propia vida e que, por sintetizar, van desde os traballos agrícolas e domésticos que ela e as súas irmás teñen que realizar ata converterse en moeda de cambio para un pai inflexible e violento que a obriga a abandonar a granxa na que vive para coidar a muller dun vigairo gravemente enferma. Non revelo máis elementos argumentais desta novela que por fin chega á lingua galega nunha meritoria tradución de Estela Villar.

A adopción do punto de vista dunha nena que aínda non é quen de manexar con corrección os recursos narrativos, isto é, esa impericia derivada da carencia dunha aprendizaxe acaída, convértese nun dos factores máis atractivos desta proposta que ignora á mantenta os estrataxemas compositivos máis habituais, inspirándose en abondosos recursos parateatrais, e que, ademais, resulta operativa como documento histórico —talvez sen ser a intención da súa autora— e como ficción, cun abano de personaxes solidamente construídos como os seus pais, o vigairo ou a figura do avó, alén da importancia que posúe o paso do tempo da man da transformación que se opera na natureza.

Mary só é quen de ver o lado bo da vida pero sabe que a rebeldía, e dentro dela está o feito de escribir, será o que a manteña viva. Espelida, intelixente e sorprendentemente madura, emprega razoamentos dunha lóxica esmagadora. É alguén que non pode agochar nada na súa fala mais é consciente de que os elos das cadeas que a someten poden cambiar, pero sempre son elos. Mary, co cabelo da cor do leite, simboliza inequivocamente a brancura e a inocencia que se transforma, con sinxeleza e precisión, noutras realidades dolorosas que se nos relatan nunha novela recomendable e inesquecible.