A amabilidade de quen sorrí, nun aceno espontáneo, e cede o paso nunha beirarrúa estreita. O respecto de quen corrixe en privado sen facer sangue. A cordura de quen ama un animal sen medida. O afecto de quen chega e se despide sen facer ruído, pero deixando un eco imperecedoiro. A intelixencia de quen dubida e escoita con atención. A virtude de quen non agocha un problema. A insensatez de quen fala só, diante dun espello. O acerto de quen fai soar Duke of earl, na voz de Gene Chandler, ao remate de todas as festas. A elegancia de quen sabe manterse á marxe. A suavidade de quen sempre está lendo. O poder de quen consegue manter a calma e atopa a palabra tranquilizadora no medio do temporal. A delicadeza de quen aperta os puños con rabia. A corpulencia de quen toma partido e se enfronta á lei do máis forte. O orgullo de quen o paga caro. A compañía de quen nunca nos xulga. A emoción de quen se despide axitando a man dende a fiestra. O instinto de quen non se bota atrás. A lucidez de quen colle aire e mide as palabras. A melancolía de quen soña demasiado. O atrevemento de quen se arremanga e mete o dedo na chaga, ata o fondo. A benevolencia de quen se abraza ás arbores nos parques. A urxencia de quen chama á nosa porta. O mérito de quen segue insistindo, a pesar de tantas derrotas. O éxito de quen perde o norte e gaña un trofeo secreto. A imprudencia de quen salta sen rede. A liberdade de quen arde da mañá á noite sen ter que dar explicacións. O camiño de quen se arma de paciencia. A enerxía de quen se pon mans á obra para solucionar un problema. O esforzo de quen coida, protexe, ampara. A subversión de quen resulta expulsado de si mesmo e sae reforzado contra todo prognóstico. O equilibrio de quen vive na corda frouxa. A perplexidade de quen ve medrar no seu interior unha idea contraria ao que pensou sempre. O valor de quen se significa contra o pensamento reinante. A posibilidade de quen está por vir. O refinamento de quen chega o último á liña de meta e ergue os brazos para saír na foto. A excentricidade de quen se pon saltar nun semáforo. A pertinencia de quen asubía pola rúa. O carácter de quen amosa os dentes. A vontade de quen quere saber o que pasou, punto por punto. O valor de quen marcha hoxe mesmo sen equipaxe. A temperanza de quen nunca sae correndo. Que todo iso prevaleza no ano que nos agarda detrás da porta.
Feliz 2026.