O vizoso mundo das cantigas de amor

La Voz

FUGAS

24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha persoa que estimo pola súa traxectoria docente e investigadora como é a profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián deixou nas miñas mans, hai poucos días, un volume que moito agradezo e que é o primeiro dun proxecto de enorme envergadura. Trátase dunha publicación excepcional que recolle o corpus das nosas cantigas de amor nunha iniciativa coordinada polo profesor Manuel Ferreiro e que, ademais, ten o valor de ser resultado dunha iniciativa conxunta que une as tres universidades públicas galegas pois integra a colaboración activa como editores literarios de investigadores de longa experiencia neste ámbito como son Mariña Arbor Aldea, Bieito Arias Freixedo e mais Leticia Eirín.

Universo cantigas. I. Cantigas de amor é, así pois, un volume que posibilita volver a ollada a esta modalidade encadrada no que se adoita chamar «canto cortés» e que constitúe, inequivocamente, parte do noso patrimonio. Velaquí un rescate deste tesouro literario medieval feito con criterios actualizados de maneira que tamén se pon a disposición das persoas interesadas nunha edición accesible no enderezo que, se cadra está de máis apuntalo, posúe unha potencialidade divulgativa moi valiosa tanto para o público en xeral como para o especializado pois conxuga nun compás acaído a erudición coa análise literaria pois cada cantiga se acompaña dunha paráfrase en galego actual, a indicación das fontes manuscritas, as edicións anteriores e un QR que conecta cada poesía coa edición completa en Universo Cantigas.

A proposta, inserida por dereito propio na tradición de estudos sobre as cantigas e, ao tempo, naquela que apunta á edición por xéneros coa intención de resolver tanto os posibles problemas dos textos e manuscritos dos que se copiaron e dos principios que alicerzan as edicións críticas e a poética de corte trobadoresco con rigor metodolóxico e sistematicidade, supón para as persoas que traballamos con este, e outros corpus medievais no ámbito docente, unha ferramenta impagable que, ademais, vai completarse en breve coa edición en papel coas nosas cantigas de amigo e as de escarnio e mal dizer. Beizón pola iniciativa, beizón polo impecable resultado.