Greta Thunberg cargada de razón. Situada en fronte. Firme, vociferante, alerta. Humillada e ofendida. Convenientemente enfadada. Desobediente, fráxil, directa. Unha entre a multitude. Indignada cos amos do mundo, cos señores da guerra, coa desidia dos tempos. Defendendo o dereito de vivir en paz. Lembrando un obxectivo, quentando os ánimos, axigantándose en directo, esixindo uns puntos básicos. Coa cabeza alta, sen disfrace, a contrafío. De poucas palabras, de grandes palabras. Greta Thunberg mirando de esguello, mirando aos ollos, mirando pola súa xeración. Cunha bandeira, cun megáfono, con expresión ausente, con ansia de seguir. Pequena, fuxidía, desafiante. Reclamando un futuro, que se deteña a morte, que calen dunha vez as armas. Greta Thunberg contra a violencia, sen dar un paso atrás, coa forza esotérica dos introvertidos. Chegando no momento xusto. Provocando odios, burlas, desprezos, a irritación dos delegados do imperio. Enumerando unha lista de agravios, sinalando máximos responsables. Resolta, enérxica, dura, revirada con causa. En marcha agora mesmo, nunca conforme. Avisando por derradeira vez. Greta Thunberg improvisando un discurso como acabada de saír da esquina dos castigados, expulsada de clase. Fustrigadora, resolta, desatada, alarmante. Sen pedir permiso. Facéndose oír, marchando sen facer ruído. Convincente, drástica, impulsiva, en primeira liña. Apertando os puños. Contra a retórica dos malvados. Coa teima dun planeta habitable, co capricho de pretender parar un xenocidio, co desexo de que vire o vento da historia. Cerebro da seguinte operación. Sorprendida, inamovible, chantada na terra. Tramando unha nova resposta, erguendo a voz, poñendo o corpo. Rabiosa e amotinada, impertérrita e cómplice, enfrontándose á escuridade insoportable da época. Greta Thunberg sen máis tempo que perder, collendo o camiño axeitado. Envolta nunha kufiya, amosando unha pancarta escrita con letras infantís, denunciando culpables. Abríndose paso polas avenidas, entrando en combustión diante das cámaras, satisfeita polo deber cumprido. Emprazándonos a todos, contaxiosa, revulsiva, volcán en alegre erupción. Coma no poema de Ángel González: «Donde pongo la fe, me pongo en juego». Ofrecendo resistencia, procurando alternativas, trasladando unha necesidade imperiosa. Inocente, rápida, convencida, urxente. Greta Thunberg: irmá pequena que bailas por nós en todas partes.