
Estou vendo Hope! en RTVE Play, a emotiva docuserie de Javier Peña que chama a resolver a crise climática cunha contaxiosa esperanza no futuro, sempre que actuemos para mitigar unhas consecuencias que poden ser irreversibles. Reconfortoume, no primeiro capítulo, o relato da rexeneración do arrecife de coral de Cabo Pulmo, en México, que a principios dos 80 estivo a piques de desaparecer e hoxe sobresae coma un verxel mariño —a poboación de peixe aumentou un 500%— grazas á toma de conciencia dos seus habitantes. Creo que a mellor virtude da serie, amais do seu valor divulgador, reside precisamente en destacar ese xogo de contrastes: toda situación crítica, por terrible que sexa, lonxe de subxugarnos, pode converterse nunha oportunidade para actuar. Hai un poema de Silvia Plath que fala dun espello duro, implacable: «Son prateado e xacto. Sen prexuízos. / E trago todo o que vexo decontado / tal e como é, intacto de amor ou odio. / Non son cruel, só veraz». Unha análise desapiadada, aínda que nos incomode, contribúe a enfrontarnos a aquilo que tantas veces non queremos ver. O espello aliado non exerce a neutralidade, non acude a unha falsa moderación: sitúa a verdade espida enriba da mesa, decide iluminala con lámpadas cirúrxicas. Non nos devolve insensibilidade. Reintégranos, en todo caso, un gran campo de acción. «Todo o mundo sabe que o barco fai augas / todo o mundo sabe que o capitán mentiu», cantaba Leonard Cohen na críptica Everybody knows, interpretada por moitos coma unha profecía apocalíptica sobre un mundo que se derruba. Pero sempre tiven a impresión de que hai tamén nesa fotografía do abismo, malia o seu fondo de angustiosa ladaíña, unha chamada a manobrar en colectivo contra o estado das cousas. Un ultimato equivalente ao que chegou hai anos á península da Baixa California para alertar da saúde dun arrecife moribundo, hoxe recuperado. Para resgardarme da tentación do pesimismo ando estes días deixándome acudir polo ton motivador de Hope!, capaz de tirar dos peores prognósticos ambientais a esixencia de vermos a botella medio chea. E non vou por mal camiño. Estou por coller un megáfono e saír agora ao balcón para berrar coas palabras do ambientalista Paul Hawken, un home que sabe: «Non podemos seguir nunha dirección que só nos leva á morte e á destrución. Pero en lugar de estarmos insatisfeitos co que vemos, debemos entusiasmarnos co que é posible».