«Suite francesa»: unha novela (e unha vida) truncada

Ramón Nicolás

FUGAS

Da man do selo Aira, nunha coidada edición, chegou ao galego esta xoia de Irène Némirovsky

04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixoume un pouso profundo a lectura de Suite francesa, novela de Irène Némirovsky que apareceu en lingua galega o ano pasado cando se cumprían dúas décadas da súa edición orixinal. Veu da man da editorial Aira nunha coidada edición —contén un prefacio de M. Anissimov e uns apéndices extraordinarios de lectura obrigada— con ilustracións de MeliMolita e unha tradución espléndida a cargo de Samuel Solleiro. Autora relativamente afortunada na nosa lingua, pois alén deste volume engádense David Golder (Irmás Cartoné, 2019), O baile (Rinoceronte, 2021) e aínda hai poucas datas Domingo e outras historias (Laiovento, 2025).

Seica o pouso non procede da historia, envolveita nun halo de sedución, entre unha muller, casada cun prisioneiro de guerra francés, e un soldado alemán nunha pequena localidade da Francia ocupada e que centra unha película homónima estreada en 2015. Antes ben, é inevitable ler esta proposta como un acto de fe na propia literatura; mesmo pode lerse como un documento, un xesto de resistencia diante da intolerancia pois a autora, filla dun xudeu ucraíno, radicada en París desde que fuxía da revolución bolxevique, sabía que ía ser inevitable o seu arresto, como así se produciu en xullo de 1942, para ser internada no campo de concentración de Pithiviers despois de que o réxime de Vichy denegase en varias ocasións a súa solicitude para obter a nacionalidade francesa. En pouco tempo sería deportada a Auschwitz, onde morreu de tifo apenas un mes despois, con trinta e nove anos. O manuscrito da novela conservouse nunha maleta, durante sesenta anos, grazas ás súas fillas, Denise e Élisabeth Epstein, que sobreviviron con dificultades á ocupación nazi.

Alén do sinalado o certo é que esta peza narrativa -dúas partes das cinco previstas- se articula por volta das emocións e os sentimentos en situacións verdadeiramente extremas que percorren a fuxida de París de milleiros de cidadáns nas primeiras horas da ocupación e, logo, a vida cotiá nunha vila ao leste da capital, nos primeiros meses da obrigada convivencia da poboación civil cos militares alemáns. Velaí tamén, latexante, unha reflexión sobre as fronteiras do colaboracionismo e sobre a propia dignidade.