«Futuro imperfecto»: do tempo no que «heroína» era unha palabra de terror

Mercedes Corbillón

FUGAS

M.MORALEJO

19 dic 2024 . Actualizado a las 15:08 h.

Cando lin Futuro imperfecto nun trimestre de club de lectura dedicada ás sustancias e outras drogas, tema nihilista e fértil ao mesmo tempo, pensaba que Xulia Alonso estaba morta, non sei por que. Sacáronme do meu erro, claro. Onte, tempo despois, puiden abrazala. Somos moi de apertas no mundiño literario, como di Vilas na súa ultima novela.

Xulia é pequena e xigante ao mesmo tempo, chea de vida, quizais porque si, estivo cerca do final. Eu tardara demasiado en ler a súa novela. Víctor Freixanes, o seu editor, insistíame para que non o deixase pasar como fago, como facemos, con tantos libros que merecerían ser lidos e van dereitos ao esquecemento. Esquecemento non había porque a novela, testemuñal, autoficción galega en toda regra, mantíñase nos andeis das librarías, nas recomendacións dos profesores, no coñecemento colectivo dos amantes das historias atrapadas en papel. Neste caso, segundo o resumo fácil, a historia falaba de droga. Houbo un tempo en que heroína era unha palabra de terror, un terror que se estendía por rúas e familias, que creaba monstros onde antes había rapaces normais.

Xulia escribiu a súa propia experiencia anos despois daqueles tempos de liberdade e dor, de

descubrimento e derrota, de latido e de morte. Despois da reinserción, chegou a sida, que en aqueles tempos segaba cabezas, como a do seu compañeiro, pai da súa filla.

O libro falará de adiccións, dese xogo de ruleta rusa ao que xogaron tantos, sabedores e inconscientes aventureiros e temerarios que pagaron a súa xuventude con sangue, pero é un libro de amor, un relato de despedida e de dó, unha reconstrución da memoria do home que xa non está.

Quizais non pretendía ser universal e era só un conto para os seus futuros netos, pero a verdade que contén interpélanos a todos, abrindo portas normalmente pechadas. Por iso, supoño, Alba Carballal, escritora nova e brillante, devida en editora de Plasson &Bartleboom con outros compañeiros con ambición de facer de zahorís e atopar tesouros escondidos, veñen de publicala en castelán. Non a perdan.