James Rhodes: «Non podo imaxinar un privilexio maior ca ser galego»

FUGAS

James Rodhes, fai uns días en Santiago
James Rodhes, fai uns días en Santiago XOAN A. SOLER

Dende que descubriu Galicia hai anos, o pianista namorou do lugar, da xente e da súa cultura. Entende o idioma, atrévese a escribilo e está pensando en mercar unha casa aquí

25 oct 2024 . Actualizado a las 10:16 h.

O artista James Rhodes prefire que o recoñezan como pianista español e non británico. «Eu só nacín en Londres», recoñece. Ten a nacionalidade do noso país e reside en Madrid dende hai máis de sete anos . Pero é máis, se puidese escoller, Rhodes preferiría que o identificasen como galego. «Dende que pisei esta terra por primeira vez, quedei cativado», admite. Hai xa anos que comezou a estudar a lingua, un idioma que comprende perfectamente, ademais de animarse a chapurrealo sempre que ten ocasión. Mostra diso son as súas constantes reivindicacións en redes sociais, nas que defende o uso do galego, en galego. O seu ímpeto, namoramento e convicción converten o pianista no exemplo perfecto do que hai que facer para fomentar a lingua: vivila, amala e transmitila.

—Que lle pareceron os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que din que o castelán é actualmente o idioma máis utilizado na comunidade e que un terzo dos rapaces menores de 15 anos non saben falar a lingua?

—Para min, é un exemplo máis de que estamos fodendo o mundo que lles deixamos ás novas xeracións. Dáme moitísima vergoña. Temos a tendencia de botarlles as culpas aos rapaces e, en cambio, a responsabilidade é dos adultos. Se os nenos non falan galego é porque non se fala nas aulas, nin nos fogares. Non teño nin idea de por que isto é así. Se eu tivese a sorte de ter nacido neste lugar, co privilexio de ser bilingüe, non o desaproveitaría nin en broma. A lingua é algo que hai que protexer con todas as nosas forzas, igual que a arquitectura, a poesía, a literatura, a música e toda a idiosincrasia de Galicia. Forma parte das raíces deste lugar e temos que defendela. Paréceme absurdo, e moi perigoso, non darlle prioridade á ensinanza obrigatoria do galego nas escolas.

­—No seu caso, descubriu Galicia por casualidade e, dende o primeiro momento, comezou a interesarse e a afondar na historia e na cultura, o que supuxo tamén, poñerse a aprender a lingua.

—Galicia é a mellor parte da miña vida e o galego é a súa maneira de relacionarse. Teño unha conexión tan forte que non podo explicalo. Sinto que é a maxia desta terra. Dende o primeiro minuto que pisei este lugar, sentín unha sensación diferente, algo case relixioso, e iso que eu non son crente. Nunca me pasara en ningún outro lugar. De feito, síntome un pouco decepcionado porque aquí sempre se refiren a min coma o pianista inglés e eu son español, Londres é só o lugar onde nacín. Indo un pouco máis alá, non podería imaxinar un privilexio máis grande ca ser galego. Son consciente de que soa raro, pero non penso negar os meus sentimentos. Os mellores seres humanos que coñezo son os meus amigos galegos. A xente aquí sempre me trata cun amor, cunha familiaridade e cunha bondade tan grande que só quero volver. De feito, o ano que vén teño previsto viaxar durante meses por Galicia para atopar o lugar perfecto no que comprar unha vivenda e facer o meu soño realidade. Sinto que cando consiga esa casa por fin terei un fogar.

­—En moi pouco tempo, vostede xa é capaz de entender o galego, de escribilo e, máis ou menos, falalo. Como foi ese proceso de aprendizaxe?

—Penso que é unha lingua especial, con moitísima musicalidade. Aínda teño vergoña de falala porque non estou preparado, pero a escribir si que me lanzo con facilidade porque podo corrixila e supervisala. Non vexo o galego como un idioma, síntoo como unha canción, como se fose obra doutro compositor. Teño a miña vida chea de Bach, Beethoven, Chopin e tamén de galego, porque para min é moi similar á música. Ata o punto de que cada noite me despido da miña muller —a actriz arxentina Micaela Breque— cun «Boas noites, fermosa». Sinto que o que me esperta o galego é unha emoción, un optimismo, infantil. Por moitos motivos perdera ese sentimento na miña vida, e hai moi poucas cousas xa que consigan removelo. O galego é unha delas e penso loitar por el con todas as miñas forzas. Por agora estou aprendéndoo pola miña conta, pero sei que o día que teña casa aquí poreime totalmente en serio coas clases.

­—Utilízao de vez en cando para publicar nas súas redes. Como responde Instagram ao pianista galego?

Para min, o lóxico é que se estou a falar de Galicia, teño que facelo na súa lingua. Hai xente que se enfada argumentando que non se entende e eu simplemente penso que son persoas parvas, por non ser capaces de ler unha frase que traduciría un rapaz de 6 anos de calquera punto de España. Nas redes hai moitísimos ofendiditos e o mellor é ignoralos.

­—Que pensa dos galegos que senten vergoña de falar o seu idioma?

—Así é a condición humana. Pasa tamén cos españois e o inglés. Penso que se lles falamos aos nenos na casa e no colexio na nosa lingua, entón comezarán a utilizala eles tamén. É como andar en bicicleta. Sinto que todo depende desa educación nas aulas, onde é verdadeiramente importante que estea presente o idioma.

—Que medida se lle ocorrería para tratar de mellorar a estatística?

—Non o sei, porque aínda me resulta inexplicable que en Galicia podendo ser bilingüe haxa xente que decida que só quere saber ou falar castelán. A miña opinión é moi persoal, pero quedo sen palabras, sobre todo cando se trata de familias que non lle transmiten ese valor, esa parte da súa cultura, aos seus fillos.