No gume da ficción e a historia

Ramón Nicolás

FUGAS

El escritor Diego Ameixeiras
El escritor Diego Ameixeiras Santi M. Amil

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Ameixeiras, alén de ser por dereito propio un dos máis valiosos articulistas semanais, dono dunha aguda e infrecuente capacidade en que recrea e asocia a realidade cotiá, o que nos rodea, con outras artes como a cinematografía ou a propia literatura, tamén é narrador de longa traxectoria como é ben sabido e que, contra o que se poida pensar, non transita por un único camiño. Velaquí como toca diferentes teclas temáticas e non unicamente as da novela negra onde é, igualmente, unha das nosas voces máis representativas.

Nesta ocasión, con Un anarquista, sitúanos na Barcelona de 1977 onde un rapaz galego acabado de chegar e chamado Miguel Duarte traballa como camareiro no bar Nebraska das Ramblas, bar no que o seu dono vive nun universo constantemente dominado ou obsesionado polas películas do Oeste. Duarte, un personaxe cheo de contradicións e de luces e sombras, sentirase atraído por Montse, estudante pertencente a unha familia burguesa catalá, con quen iniciará unha relación nun contexto que repara en como a cidade ve medrar as bases e a actividade do movemento anarquista, enfrontado aos acordos tácitos ou explícitos da denominada Transición e composto por persoas que teñen «o voo nervioso», que son coma bolboretas que andan á procura da luz «aínda sabendo que poden atoparse alí a morte». Será nesa atmosfera onde Duarte, en tantas ocasións dono dun actuar misterioso e un tanto ambiguo, á fin e ao cabo vai verse involucrado no chamado caso Scala: un macroproceso xudicial, tan cheo de incertezas aínda hoxe; e nese preciso punto fabularase sobre o final de Duarte, arredor de quen se constrúe outro enigma.

Relatada como unha sorte de road movie en que non hai pausa, todo discorre con velocidade e intensidade e os acontecementos van sucedéndose uns a outros mentres se advirte unha transparencia absoluta, exposta cunha clara economía de medios, na reconstrución dun tempo escuro, herdeiro ou continuador da represión revelada, nalgúns casos, grazas aos esteos históricos que a sostiveron, sen que se deixen de cuestionar como parte substancial do noso pasado a través da acción dos personaxes, ao que estes pensan e á crónica histórica que exhibe esta recomendable novela.