Marchando sobre Versalles

Diego Ameixeiras

FUGAS

Rebeca Andrade.
Rebeca Andrade. Agustin Marcarian | REUTERS

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematei de ler La luna en el arroyo (Sajalín), do meu querido David Goodis. Poucos autores coma este señor de Filadelfia, nun dos momentos culminantes da novela negra nos Estados Unidos, souberon captar con tanta brillantez a dignidade dos perdedores, a lírica comunitaria do suburbio, os dramas que habitan nos barrios marxinais, a lóxica defensiva dos excluídos polo sistema. «Nos quieren en soledad, nos tendrán en común», cantaban no Patio Maravillas de Madrid hai agora dez anos, acompañados pola voz de Nacho Vegas. París regalounos o éxito da ximnasta brasileira Rebeca Andrade, muller de orixe humilde que medrou nunha favela de São Paulo e hoxe pode presumir de ser a deportista olímpica máis brillante do seu país. Esforzouse, pelexou por unha vocación e a súa nai —empregada doméstica— traballou duro para sacala adiante xunto cos seus sete irmáns. Pero só puido iniciarse na competición grazas a un proxecto social da comunidade: a pesar dos sacrificios maternos, na casa non entraban cartos suficientes para mercar roupa deportiva. Ata que chegaron. Entre o cinismo e a submisión ao credo neoliberal, cada vez hai máis xente que se empeña en facernos pensar que xa non existen solucións en común, como esta que lle deu pulo a Andrade para converterse en ximnasta; xente que nos quere pechados na casa, en soidade, rebentándonos a burpees, convencidos de que o único camiño é a desconfianza, o individualismo, a lei do máis forte. Pero hai un poema de Juan Bañuelos que serve para arrepoñerse a ese fume tóxico: «Vengo de dar un doble puñetazo / En la mesa del hambre y de la usura. / Vengo de atar el miedo a un rayo desbocado».

Na derradeira mañá olímpica crucei a meta de La luna en el arroyo, agradecínlle a David Goodis a intensidade colectiva do barrio e vin un lóstrego por televisión. Era Rebeca Andrade coa súa nai, sen medo. Eran as atletas que completaban o maratón emulando a marcha sobre Versalles de 1789, cando as mulleres se botaron á rúa para reclamar pan e dereitos. Era, a pesar de tantas derrotas, esta necesidade do común.