Acomete a editorial allaricense Aira a publicación da primeira proposta narrativa da artista e investigadora Sofía Ruvira, que tamén traballa a performance, esculca nas diversas dimensións da danza e explora as posibilidades da arte multimedia.
Baixo o título de Os corpos fráxiles, así pois, Ruvira fai descansar neste sintagma parte da esencia da súa novela: os corpos, por un lado, suxeitos de atención e de coidados cando estes sofren os estragos do paso do tempo e, polo outro, a frouxidade ou limitacións que, no fondo, revisten os mesmos malia que en tantas ocasións se ignore ou esqueza esa realidade. Todo isto sometido a un fío argumental —talvez nalgunha medida autoficción— en que unha neta, a voz protagonista, nos revela a contorna familiar que acolle esta historia e, ao mesmo tempo, as dificultades que ela experimenta para asistir aos coidados debido á ocupación profesional que desenvolve nunha galería de arte en París.
Dalgún xeito, a relación entre nai e avoa resulta moi común na literatura infantil e xuvenil, mais non tanto na prosa para persoas adultas na que, con todo, si hai recentes propostas que, con diversas orientacións, se internan neste campo como demostraron as últimas pezas de Xesús Fraga ou Sara Vila, por poñer unicamente dous casos. Nesta obra, Ruvira, sen caer no lacrimóxeno, coma se fose unha observadora que con sinxeleza —case engadiría que con elegancia— desvela os esteos dunha historia fai aí agromar o estrañamento ao confirmar tanto a deterioración do estado físico da avoa como a percepción de vivir a cabalo de dous mundos, algo que a fai definirse como alguén sometida a unha «muda constante, froito de todas as veces que marchei e que volvín». Sempre, iso si, co pano de fondo dos coidados precisos nunha relación especialmente biunívoca na contorna familiar —avoa e neta—que dirixe unha ollada ao ciclo da vida e que, se ben pode resultar frecuente como materia narrativa, non o é tanto atopala nunha recreación transparente que procura, dun xeito natural, a claridade, a complicidade e a proximidade de quen se achegue a esta historia no que é, ao meu ver, un dos seus grandes valores.