«Indicios» é un exercicio de imaxinación nun xiro da traxectoria do artista. A pintura está ferida, e non é un indicio, é unha realidade que se plasma nos buracos feitos por unha escopeta
31 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dende o 21 de marzo pode visitarse no Museo de Arte Contemporánea de Vigo a exposición Indicios, do artista vigués Bosco Caride, que nos propón un paseo polas nubes ata o 15 de setembro. Nunha primeira ollada golpéanos a beleza das pinturas, as cores cálidas que nos envolven e que parecen elevarnos. En realidade, esta é unha mirada superficial, pois o que se busca é unha provocación á que nos invita o propio título, que nos alerta xa da existencia de algo que non é percibido. Diante das pinturas preguntámonos cal é a causa desa nube, cal pode ser a súa orixe. Será simplemente unha condensación de vapor? Quizais hai po nela, fume e o que vemos é causa dunha explosión, dun incendio ou da contaminación.
Todas esas dúbidas xorden porque o autor desposúenos de contexto, amplía a imaxe ata deixala sen referencias e só recoñecemos as formas, polo que a observación é máis suxestiva, convértese nun exercicio de imaxinación. Bosco Caride axúdase do papel fotográfico ou do aluminio para insuflar maior lixeireza e esa sensación liviá acompaña toda a exposición. Tampouco deixa ao azar a disposición na sala e nalgúns casos sitúa a obra a rentes do chan para que o espectador se sinta dentro, só ten que dar un paso á fronte. Atrás quedan aquelas nubes que elevaban os santos ou aqueloutras de Giovanni Bellini que flotaban no fondo da Virxe do prado, agora somos nós os que nos mantemos en suspensión, ao que, sen dúbida, contribúe a dimensión dalgúns dos cadros que alcanzan os catro metros.
Bosco Caride sorprende nesta exposición ao dar un xiro na súa traxectoria. Durante anos partía da fotografía de elementos urbanos para crear óleos, acuarelas ou grafitos, agora experimenta novos soportes na busca dunha pintura realista, que podería ser unha fotografía pola perfección do trazo, unha nova maneira de interpelarnos dende a beleza, pero tamén dende a inquietude de quen está ollando só unha parte e necesita minimizar e encadrar o que ten diante.
Nunha sala contigua sitúa a serie Fogo real, óleos sobre cartón ou papel que nos transmiten desasosego, porque a pintura está ferida e xa non é un indicio, é unha realidade que se plasma nos buracos feitos por unha escopeta de carabina. Neste caso un corpo estraño agride o organismo, pero a arte non morre, só está ferida e quizais xa reconstruíndose para dar paso á cicatriz, como a vida, coma os corpos agredidos constantemente que aínda así se manteñen en pé. En fronte, unha serie de bosquexos como no seu día fixo John Constable ou Jan van Eyck sobre as nubes.
Indicios é unha provocación dende a beleza, un convite a ver máis alá dun estado atmosférico, dunha nube, do vapor, do fume... Bosco Caride rétanos a buscar un contexto, a sentir incomodidade e pracer a un tempo, a flotar entre as nubes ás que dota de movemento. Como escribiu a poeta Elvira Sastre, «no vuela quien tiene alas, sino quien tiene cielo», e Bosco Caride proponnos un ao alcance dos dedos.