Paco Morgan: «A cocaína é a metáfora perfecta do capitalismo salvaxe»

FUGAS

O escritor Paco Morgan.
O escritor Paco Morgan. Oscar Vázquez

Finalista do Premio Xerais con «A rede branca», o autor sinala a Domingo Villar como «o pai indiscutible» do «noir» galego

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Morgan (Madrid, 1969 )estreouse na edición bibliográfica con A rede branca, (Edicións Xerais) unha novela que foi finalista dos Premios Xerais do pasado ano.

—Que quería contar neste libro?

—Dada a miña experiencia profesional na prisión da Lama, entre outras, dispuña dun material literario de primeira orde para facer unha novela negra chea de personaxes realistas e psicoloxicamente verosímiles. Quería reflectir como o tráfico de cocaína impregna a sociedade. Non só están na allada os pequenos e grandes narcos, os consumidores e os adictos, senón que a inxente cantidade de cartos podrece todo o que toca. Nun mundo dominado pola cobiza e o individualismo, o tráfico de cocaína é a metáfora perfecta do capitalismo salvaxe. A motivación para traficar non é o afán de riqueza, é a precariedade e a marxinación. Moitos pequenos vendedores dedícanse a iso para manter a familia ou costear a súa adicción. Moita xente sen sabelo forma parte da rede que tece.

­—Ten a novela a intención de facer unha denuncia social?

—Por suposto. Eu quería escribir unha novela negra ambientada en Vigo, a quen chamo Úrbida nunha homenaxe á Vetusta, da Rexenta, e xa que era o territorio policial de Domingo Villar, sería unha herexía repetir a súa fórmula. Elixín o noir clásico e un asunto colectivo que serve de desculpa para trazar unha radiografía social o máis ampla posible a través de catorce protagonistas pertencentes a todas clases e que, coma nunha traxedia grega, están dominados polas súas paixóns. Estas xa non son o honor e a lealdade, senón a cobiza, a ira, a luxuria e un egoísmo sen límites. Non hai solidariedade nin compaixón. Como profetizou Margaret Thatcher hai máis de 40 anos, a sociedade non existe, existe o individuo. A novela está ambientada antes do estoupido da burbulla inmobiliaria, cando estes trazos eran aínda máis acusados.

­—Foi complicado tecer unha novela con catorce personaxes?

—Non. A trama principal da novela, un narcotraficante que intenta converterse nun honorable empresario mediante un pelotazo urbanístico, precisaba dun montón de personaxes que servirán de nexo entre eses dous mundos. Mais a estrutura é sinxela. Catorce capítulos e catorce personaxes relacionados co protagonista do capítulo anterior e do seguinte, o que permite reflectir un amplo espectro social, presidiarios, narcotraficantes, camareiros, estudantes, xornalistas, amas de casa... Nunca lin unha novela artellada deste xeito, con catorce personaxes concatenados, ademais tratei xente de todo tipo na prisión e aprendín moito sobre a condición humana.

­—Esta novela ábrelle un futuro literario?

—Teño escritas dúas obras en castelán de outros xéneros, mais agora estou dándolle voltas a un manuscrito que podería definir como unha novela negra de non ficción, chea de crueza e humor negro. A miña experiencia nas catro prisións nas que traballei narradas a través dun alter ego. Tamén teño matinado a sinopse da segunda parte de A rede branca.

—Como se ve no «noir» galego actual?

—O pai indiscutible foi Domingo Villar, e hai xente importante como Pedro Feijoo, Manuel Esteban ou Beto Luaces, pero eu son máis da escola de Diego Ameixeiras, para quen a crítica social e a ollada dende os de abaixo é clave na súa obra.