Non se trata de que camiñes de xeonllos

FUGAS

-

Atopeime a media tarde, diante da televisión, co fragmento dunha entrevista a un personaxe habitual da prensa rosa, famoso de incuestionable pedigree. Dicía: «Non teño razóns para arrepentirme de nada». Referíase a uns sucesos que o levaron no seu momento a ocupar algunhas portadas das revistas, pero coido que estaba trasladando esa afirmación ao resto da súa vida. Non deixa de asombrarme que haxa xente capaz de non condenar nin un só episodio da súa biografía, coma se nacesen arrodeados por un resplandor arcanxélico que os conduce cada día polo camiño da rectitude. Ou coma se sempre estivesen dispostos a imputar as súas imperfeccións —en especial, as que complicaron a vida doutras persoas— a un contexto, a unha idade ou a unha inconsciencia compartida. «É o mercado, amigo», pareceume que pretendía engadir. Pero seguiu con algo peor. Preguntado por outro asunto pola condutora do programa, atenta aos posibles matices, o volcán narcisista entrou en erupción: «Nunca volvería atrás. Repetiríao todo punto por punto», espetoulle. E aí quedou a cousa porque apaguei a tele e baixei ao bar.

Teño para min que existe unha maioría da poboación, non sei se silenciosa, que daría un brazo por viaxar cara a atrás no tempo e endereitar certas pasaxes da súa vida pasada. Ou ben porque son conscientes dalgún dano inflixido—aí cadaquén que goberne como mellor saiba a súa penitencia— ou ben porque son abondo intelixentes como para entender que o complexo oficio de vivir sempre se aprende a posteriori, polo que non estaría mal recuncar nalgún punto pretérito do seu trazado para pintalo algo mellor. E penso tamén que esa extravagancia de non arrepentirse de nada cando un observa o seu pasado, confundindo intransixencia cunha personalidade forte, ten moito que ver cunha concepción neoliberal das relacións humanas equivalente a unha operación bursátil. Descoñezo se está de moda a arte de pedir desculpas a quen lle puidemos amargar a existencia nalgún momento. Presentarnos despois polo mundo, con naturalidade, vestidos de persoas que nos orientamos pola vida un pouco ás toas, cargando sobre os ombros co noso catálogo de desacertos históricos. Do que si estou seguro é de que isto xa o explicou mellor Mary Oliver: «Non tes que camiñar de xeonllos, arrepentíndote / durante cen millas a través do deserto. / Só tes que permitir que o delicado animal do teu corpo / ame aquilo que ama».