Cheguei a esta novela titulada Pel de crocodilo dunha maneira casual, non sei se unha «lóxica» desas que constrúen a vida das que fala a voz narrativa deste libro. Se cadra atraído polo feito de explorar o que de novo podía haber na estrea dunha voz, Rosana Murias (A Veiga-Ourense, 1979), profesora na Universidade Estatal de San Petersburgo. Cidade que acolle, por certo, a sede do Centro de Estudos Galegos desde onde a profesora Elena Zernova desenvolveu e desenvolve un meritorio labor de promoción do noso patrimonio literario e que, en boa parte, é o territorio que aquí se explora.
Non volvera ler ningunha proposta narrativa de certo alento arraigada, total ou parcialmente, nunha vila ou nunha cidade da antiga URSS ou da Rusia actual desde Ostrácia, de Teresa Moure ou, algún tempo antes, desde a lectura dalgunha peza do fecundo e xa case esquecido escritor coruñés Manoel Riveiro Loureiro. Dito isto, ao meu ver, Pel de crocodilo é unha peza realmente salientable e non só por retratar, e case converter en protagonista, unha cidade como San Petersburgo. Éo, se cadra, pola inequívoca fluidez e transparencia nas descricións, pola axilidade nas transicións argumentais e mesmo pola naturalidade coa que se incorpora unha peza teatral, reproducida na propia novela, que recrea a conmovedora e dura historia da mexicana Julia Pastrana, afectada por hipertricose, e o empresario Theodore Lent.
Todo parte, así pois, do falecemento do pai da protagonista chamada Olga que vai provocar, como resulta previsible ou talvez non tanto, unha alteración no seu día a día. Neste contexto cobrará relevancia o encontro na súa vida cun personaxe enigmático e indefinible chamado Iuri Volk que, dalgún xeito, a involucrará nunha montaxe teatral ideada e apadriñada por el e da que Olga será a súa brillante guionista. Antes e despois hai sempre unha teimosa procura de si mesma por parte de Olga, en Galicia ou no San Petersburgo máis underground, hostil e hospitalario á vez, que non é, precisamente, o que se retrata nas rutas turísticas.
Hai un pulso narrativo propio nestas páxinas que non deberían pasar desapercibidas. Confío en que esta sexa a primeira entrega doutros proxectos que vaian chegando.