
Dous anos e medio despois de publicar «Peixe», o cantante e bailarín ponlle fin ao periplo en directo dese fundamental disco cun concerto cheo de colaboradores no teatro Afundación de Vigo
01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de 30 anos na trastenda da música tradicional, Xisco Feijoó deu no 2021 un paso á fronte e publicou o seu primeiro disco, Peixe. Se daquela Xisco xa era unha referencia, hoxe é un absoluto referente. Mais todo ciclo ten un remate. E o de Peixe, aínda que é un final aberto como o desas películas de autor, consumarase este venres (20.30 h) no teatro Afundación de Vigo. Tocaba xa que logo facer balance co artista desta a súa primeira inmersión na industria musical e a súa proxección nos palcos.
—Que balance fai destes dous anos?
—Foi unha experiencia incrible. Cos seus pánicos e tamén cos seus momentos marabillosos. Unha ledicia máis na miña vida.
—Neste 30 anos tiña feito case de todo, pero nunca un disco nin unha xira. Que aprende un destas cousas?
—Aprendín a xestionar. Pois pensas que se vai xestionar dunha maneira e finalmente a xestión é totalmente contraria. É unha experiencia moi linda o de sentirse responsable doutra xente que come do teu traballo. Tamén aprendín a xestionar outro tipo de economía. Ata ese momento tiña un soldo mensual e agora é unha cousa moitísimo máis, digamos, distópica.
—Pídolle sinceridade. Agardaba máis de «Peixe»?
—Non. De feito, de inicio agardaba bastante menos. Si que é certo que despois de que me levei a primeira sorpresa de «hostia, non me esperaba nada disto!», como que me afixen a que tiña que funcionar e, sen embargo, tivo un pequeno retroceso que non foi para nada terrible. Pero de inicio? Nin tolo. E é que ademais agora chámanme para outras cuestión. Xurdíronme traballos de actor, de presentador... Nunca pensei que me fora ir tan ben.
—Dicíame en 2021, cando saíu o disco, que quería ser un pouco revolucionario. Semella que non corren bos tempos para as revolucións.
—Nunca son bos tempos para as revolucións. Outra cousa é que haxa que facelas. Peixe foi unha revolución, sobre todo, cara a min mesmo. Iso foi o mellor. Verse con 50 anos, traballo fixo e un bo soldo e deixalo por un proxecto moito máis incerto require moita valentía. Pero eu nunca fixen as cousas como tiñan que ser (ri). Vinme moi novo como para seguir pensando «teño que aguantar isto por unha xubilación». E tocoume ser sindicalista de min mesmo.
—Remata a xira porque xa está todo o peixe vendido?
—Para nada. O concepto de Peixe vai estar sempre comigo. Eu fixen Peixe cunha idea que quero seguir conservando, que non é a de autobiografía, pero si a do relato das cousas que me pasan ou que eu observo. E iso é o que me apetece seguir facendo a través da música tradicional.
—Escoiteille falar da metamorfose do «Peixe». En que mutou?
—Ui, é que non para de mutar. Mutamos todos. Muta a sociedade. De repente aparece no panorama musical alguén de 20 anos facendo cousas marabillosas, saca un disco Milladoiro, na televisión hai un programa de cantos de taberna... Todo está en constante evolución. E por sorte é unha evolución na que nós e o noso estamos presentes con bastante naturalidade. Non dun xeito forzado nin por discriminación positiva. Están saíndo cousas marabillosas e iso tamén che fai evolucionar a ti. Fai que te sintas máis tranquilo nalgún momento e obrígache a poñerte as pilas noutros.
—Naquela entrevista de 2021 tamén me dicía que estaba a ver unha xeración moi interesante que xa non entendía de fronteiras nin de xéneros. E neste tempo xurdiron fenómenos como Mondra, Fillas de Cassandra, Caamaño & Ameixeiras... Arredemo, foi clarividente.
—O que está a pasar é unha marabilla! É para estar orgullosísimos. Eu falo con rapaces de 15 ou 16 anos e é marabilloso ver como xa non teñen aquel autoodio que tiñamos nós. Senten un amor polo propio que me parece alucinante. Estou felicísimo.
—A música tradicional acadou territorios que eran impensables ata hai nada.
—Nós tivemos moita represión. Todo o que faciamos como que tiña que pasar por un comité de sabios. Coidado onde te moves, coidado que nota metes, coidado que mestura fas.... Porque no mundillo podíache caer a do pulpo. E eles pasan de todo, chico. E é fermosísimo. Hai que miralos e calar la boca porque eles fan o que lles dá a gana. Pero están facendo o que lles dá a gana co noso. Que podían facelo con calquera outra cousa, pero fano co noso. E levan detrás a milleiros de persoas dunha xeración novísima. É algo superpositivo.
—Direille que para a maioría deles Xisco Feijoó é un absoluto referente.
—Eu? Ai non sei.
—Non é unha pregunta, é unha afirmación.
—Ah, vale. Pois eu afirmo que pobrecitos (ri). A ver, eu non vou negar que fixen cincuenta mil cousas e que fun tamén bastante transgresor no meu tempo. Bastante rebeldillo e bastante atrevido. Pero referente... Bueno, se é así compráceme porque creo que todos os que andamos polas aldeas e fixemos un traballo de recuperación merecemos un pouquiño de recoñecemento.
—Eu, en primeira persoa, teño escoitado nalgunha ocasión a promotores galegos dicir que non levaban a Xisco Feijoó a un festival porque era «demasiado caro».
—Paréceme ben. Síntome orgulloso. Eu son unha persoa que dende o primeiro minuto dun ensaio ata o primeiro minuto un dunha gravación din de alta a todo o mundo e paguei o que había que pagar. Pero non por iso é que eu sexa moi bo. É que iso é o que hai que facer. Eu non podo competir con outro compañeiro que leva 12 persoas a cantar, pero como asociación cultural. Eu non podo, nin quero. Eu vou dar de alta a esas 12 persoas e así xa non son competitivo. Pero mira, eu quero vivir disto, creo que se pode vivir disto e creo que me merezo vivir disto. E iso non é faltarlle ao respecto a ninguén. O meu está ben pedido e aínda pouco me parece.
—Non existe o risco de que precisamente para poder entrar nos cachés que se ofrecen o que fagan os artistas é quitar músicos e ir con todo gravado?
—Dende logo. Iso é unha tendencia motivada polo propio mercado, claro. Eu plantexeimo, eh! Pero paréceme un intolerable autoboicot.
—E a partir deste concerto de fin de xira, que?
—A partir do día 1, a seguir andando, claro. Teño un tema xa case rematado, do que tamén dirixirei eu o videoclip, teño outros semipreparados... Teño un mogollón de cousas na cabeza. Eu todos os días traballo.
—Non imos ter que esperar outros 30 anos para ter un segundo disco de Xisco Feijoó?
—Non, pero tampouco vou andar a mil. Eu vou aos poucos. De bagariño vaise ben. Irei sacando cousiñas segundo a vida me vaia presentando as oportunidades. Eu a música adóroa, o baile flípame, a tradición encántame, pero gústame que a vida me dea sensacións novas que me fagan sentir vivo como se fora un adolescente. Entón, non vou dicir que non a nada.
—No remate daquela charla do 2021 dicíame que cando a xente abrira a lata (na que ía o disco) o peixe sairía e sería libre. Xa o é?
—Ui, onde vai o tempo que é libre. E fíxome libre a min, de verdade. Camiño moitísimo máis libre agora, onde imos parar. Non con soberbia, para nada, pero si con tranquilidade. Dicindo, «bueno, non é tan terrible vivir deste xeito, pensar o que pensas e ter este absoluto libre albedrío continuo». Así camiñamos, amigo.