Materia de muller libre

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

Yolanda Castaño.
Yolanda Castaño. CESAR QUIAN

29 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No Muelle xa case non hai peregrinos, un vento quente corre de porta a porta, o ruído do tráfico soa a setembro e a asfalto mollado e a nenos bocexando. O café está morno e na radio felicitan a Yolanda Castaño polo Premio Nacional de Poesía. Se hai algo máis fermoso que o premio en si, tan merecido, é a unanimidade na ledicia, a ola de admiración indiscutida ao seu talento, de respecto ao seu traballo, incansable, exquisito, ambicioso, que conecta a poesía galega coa mellor do mundo, que quizais se faga aquí e a ten a ela como a mellor representante e embaixadora, sempre preocupada pola súa obra e pola dos demais, mostrando un orgullo universal que inclúe a todos, pura beleza e xenerosidade, palabra exacta e fermosa nos seus versos.

«Todo o que fun esquecendo / recórdao o meu corpo por min». Así comeza un poema de Materia, a obra premiada e nesas palabras penso agora que aínda levo o cine dentro. Veño de ver O corno, que é tamén pura poesía. Pódese contar historias coa imaxe dunha face ou cun campo de trigo ou cun xugo de mora caendo por un papo adolescente. A película de Jaione Camborda fala de corpos que recordan, que falan, que laten, que desexan, que dan vida, corpos de mulleres que gardan a culpa, pero tamén a liberdade. Non me estraña que Janet Novás, a protagonista, que fai un traballo excepcional, sexa bailarina, sen coñecer ese dato unha aprecia que narra con todo, cos ollos pero tamén con brazos e cadeira, vese que hai algo felino e plástico na súa maneira de poñerse diante da cámara.

A Galicia dos 70 que retrata a directora é un lugar opresivo para as mulleres, pero hai un latexo de forza no filme, que, con todo, é luminoso e fala dun ciclo da vida que pertence á muller. A fuxida cara a Portugal, aínda que solitaria, ten un aquel de Telma e Louise quizais porque a sororidade existe, está presente, marca a posibilidade de ser, de estar no mundo, pero non hai maniqueísmo no filme, os homes dan amor e pracer, só é unha historia contada con outra mirada, unha ollada lúcida, artística, feminina, como esa matria de Yolanda á que «Habería que meterlle un suave aire errático./ Enigma, equilibrio, escándalo./ Emancipación».