Vin a imaxe de Saturno a través dun telescopio, nun destes ceos estrelados de verán que nos lembran a nosa insignificancia. Estabamos nun lugar coñecido como El Chorrerón, na localidade cacereña de Moraleja. A noite gardaba con sixilo o cálido horizonte da serra de Gata. «Nunca esqueces a primeira vez que ves Saturno», dixéronme cando retirei o ollo do aparato. Alí estaba o espectáculo maxestoso dos seus aneis. Seica poderían desaparecer no transcurso dos vindeiros trescentos millóns de anos, arrastrados paulatinamente cara ao planeta, debido á súa enorme gravidade. Claro que non esquezo a visión de Saturno. Nin o seu amplo catálogo de lúas: anda polas cento corenta e cinco, superando a Xúpiter. Pero o meu primeiro amor astronómico foi Plutón. Sucedeu en agosto do 2006, cando deixou de ser considerado un planeta segundo a clasificación histórica. Un acordo internacional, en Praga, decidiu retirarlle o status e expulsalo da lista dos que conforman o Sistema Solar, que dun día para outro pasou de nove a oito membros. Destituíron a Plutón, arrastrárono sen piedade polo chan. Humillárono. Convertérono nun proscrito entre os clásicos da Vía Láctea. Os motivos, un tamaño reducido e a forma pouco ortodoxa da súa órbita. Por iso me puxen do lado de Plutón: por dignidade. Polo seu despedimento, pola súa condición de corpo desterrado. Porque non merecía un descenso tan arbitrario á categoría de planetas ananos. Porque hai un poema de Juan Gelman que di: «Entiérrame la sombra, lávame con ceniza, / cávame del dolor, límpiame el aire». Seguía baixo o influxo do Saturno estremeño cando cheguei ao hotel, entrada a madrugada. Non podía durmir, tampouco ler, só pensar. Tiña uns aneis fabulosos cravados nos ollos. Puxen a televisión e atopeime de casualidade con Silvia Pérez Cruz, unha voz que provén dun planeta superior, un planeta fermosísimo e interrogante. Cantaba no Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz: «No ploris si ja plou / Que el mar s’ofegarà». Non chores se xa chove, que o mar afogará.
A observación do ceo durante o verán, esa suave epifanía, obriga sempre a preguntarse. A preguntarse sobre a sinopse que resume en tres palabras a película da vida: nacer, camiñar, partir. Disque hai evidencias de que baixo a superficie de Plutón se estende un océano líquido. Debeu ser bañándome nesas augas, canso de preguntarlle a Saturno, onde recibín a recompensa do sono.