As plantas, ese universo descoñecido

Ramón Nicolás

FUGAS

16 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para as plantas, aranceis, fronteiras e barreiras son, por sorte, conceptos carentes de sentido». Isto afirma Stefano Mancuso neste brillante ensaio divulgativo que chega á lingua galega grazas á tradución de Moisés Barcia e que se achega ao universo das plantas desde unha perspectiva científica que, nesta ocasión, non está rifada en absoluto co emprego dunha tonalidade accesible, mesturada, en ocasións, con relampos irónicos e próximos, se se quere, ao humorístico.

Mancuso, unhas das autoridades mundiais no ámbito da neurobioloxía vexetal e profesor titular na Universidade de Florencia, ofrece argumentos irrefutables que apuntan ao descoñecemento que existe respecto do mundo das plantas. E neste libro é quen de explicar, con paixón, como estas posúen capacidades ignoradas nos máis dos casos como o de poderse organizar socialmente, comunicar entre si e mesmo gozaren da posibilidade de desprazarse, aludindo á potencialidade que posúen como organismos «sésiles» ao longo das súas vidas.

O ensaísta revela con datos e probas empíricas como as plantas deben ser consideradas seres vivos fascinantes que son quen de colonizar territorios ermos, de viaxar no tempo, de resistir os efectos da bomba atómica como testemuña a marabillosa historia dos hibakujumoku, árbores que resistiron aquel terrible acontecemento, e outras que igualmente superaron o estoupido nuclear de Chernóbil, sen esquecer a capacidade de adaptación ás necesidades de diversas épocas históricas que as caracteriza para proseguir a súa vida.

Mágoa non contar nesta edición con ilustracións que iluminarían tantas e tantas historias, algunhas incribles e contadas con excelencia, como as sementes que poden percorrer distancias enormes grazas ao vento e aos paxaros; outras que permanecen agochadas no permafrost da zona siberiana e mesmo aqueloutras esquecidas nuns sobres que, dun xeito sorprendente, poden chegar a xerminar, e non deixa de ser igualmente suxestivo aquel capítulo que se ocupa dos dodos e o tambalacoque da illa Mauricio. Un libro moi recomendable para ser conscientes da importancia que teñen as plantas, e que deben seguir a ter, no noso mundo e no noso tempo.