Cruceime con Romy Schneider por Bruxelas, no Cinéma Palace. Botaba unha man á cadeira, lucía un vestido negro, mirábame sobre o cartel rosa dunha exposición. Pola tarde atopeime cuns amigos en Matongé, zona africana da urbe que toma o nome do barrio de Kinshasa. Estivemos camiñando e logo deixamos pasar a vida nas terrazas dos cafés, sen máis. A xente da asociación Couto Mixto agardábame na Librebook, unha desas librarías que ao momento se converten nunha casa á que queres volver. Falamos dos misterios da literatura. E preguntáronme polo maior deles, por esa faísca que fai prender o lume da ficción na cabeza dun escritor. Como nace unha novela? Que estraña corrente nos arrastra ata as primeiras anotacións dunha historia? Nunca sei que responder a iso. Comezo a dar voltas e véxome metido nun calello sen saída, afogado polas miñas propias palabras: toda narración, consigo dicir ás veces, procede dun milagre. Kafka escribiu O xuízo en apenas oito horas, nunha noite triunfal. En El último lector, Ricardo Piglia sinala unha explicación materialista para responder ao segredo da proeza: alén de motivacións profundas, a escrita existiu en Kafka grazas a unhas condicións de silencio, concentración e nocturnidade. En 1913, nunha das súas Cartas a Felice, o autor praguense imaxina o lugar perfecto: «Penso a miúdo que a mellor forma de vida para min consistiría en pecharme no máis fondo dunha gran cova cunha lámpada e todo o necesario para escribir». A escrita como illamento, como zona a defender. Despois da cea, agradecido polo agarimo dos que se achegaron á libraría, camiñei de vagar ata o metro. A cidade gardaba enigmas, emitía sinais. Era noite pecha. Baixei unhas escaleiras e ingresei nun confortable silencio. Amparoume a soidade case perfecta do vagón, onde bocexaban un par de viaxeiros adurmiñados. Sentíame a salvo, abandonado pola superficie da Terra. «Non son nada na vida, pero son todo na pantalla», confesaba Romy Schneider pensando no seu lugar perfecto. Eu tampouco era nada alá arriba, na vida. Pero conseguía ser todo naquel refuxio subterráneo. Nun vagón perfecto. Non era nada no exterior, incapaz de explicar as razóns polas que algúns nos botamos a escribir unha historia, pero era todo naquel desterro do mundo. Na cova imaxinada por Kafka. Tardou pouco en obrarse o milagre: comecei a tomar notas nun caderno igual que se abraza unha fe.