Políticos que len

Mercedes Corbillón

FUGAS

Borja Verea y Borja Semper, del PP, con unos pulpos en la Ascensión
Borja Verea y Borja Semper, del PP, con unos pulpos en la Ascensión Paco Rodríguez

19 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha florería nova na cidade. Chámase Malaherba e fai cousas fermosas con flores das que crecen nas cunetas. De aí o nome, non da novela de Jabois, aínda que llo preguntamos cando entra na libraría a regalarnos un ramo. Vai polas malas herbas que andaba a coller sempre cando era nena, explícanos. María e eu sentímonos un pouco parvas. Quizais ten máis lóxica mirar ao campo que andar buscando a explicación do mundo nos títulos dos libros, pero felices co agasallo.

O ramo é precioso. As flores son como as palabras, fermosas en si mesmas, pero melloran se as xuntas adecuadamente. Sempre quixen ter unha florería, aínda que me morran todas as plantas. Tamén din que morren os lectores e fíxenme libreira. Na vida é importante equivocarse adecuadamente.

Deixo o floreiro a carón da edición en galego de Anatol e dous máis. As margaridas lilas e as flores do toxo fan boa parella coa novela de Blanca Riestra, sempre tan sofisticada e salvaxe. Moitísimos anos antes de coñecela merquei en Follas Novas a versión castelán dese libro. Agora me chama para que vaiamos a concertos que me sacudan un pouco este aire de señora de provincias e nos bares me critica a literatura boba, esa que non ten un aquel de conciencia social, de rebeldía. Eu pido outra e defendo a frivolidade como arma de destrución masiva. Nos tempos que corren, non tomarse en serio é unha forma de insubmisión.

Saio a ver como quedou o escaparate do Día das Letras Galegas e pola rúa pasa Borja Verea, que está, como todos os candidatos, apatrullando a cidade en busca do voto perdido. Verea é un político lector, aínda que a priori esa frase parece conter un bonito oxímoro, como dicir sol escuro ou chuvia seca ou libreira rica. O alcaldable dime que recomendou a miña novela na radio, aínda que non a leu polo de agora. Imaxino que campaña electoral e lectura non son moi compatibles, pero agradézolle o xesto. Logo pregúntome, mentres coloco ben a biografía de Fernández del Riego de Malores Villanueva, se os políticos len para comprender o mundo ou para illarse del.

En calquera caso, creo que a miña novela gustaríalles. En xeral, saben todos bastante de paixón e de fracaso.