Os fitos da extraordinaria vida de Francisco Fernández del Riego

Redacción / La Voz

FUGAS

La Voz de Galicia relata a biografía do protagonista desde 17 de maio e a súa relación co xornal nunha mostra que leva ás rúas de Vigo

12 may 2023 . Actualizado a las 14:11 h.

vida de Francisco Fernández del Riego transcorreu en paralelo a moitos dos fitos do século XX: a Segunda República, a Guerra Civil, a ditadura e a restitución da democracia. Durante todos estes decenios, en tempos luminosos e en tempos escuros, o escritor e intelectual nunca deixou de teimar no seu traballo por unha Galicia máis culta e máis libre. Fíxoo tamén dende as súas colaboracións con La Voz de Galicia, o xornal que agora repasa algúns dos chanzos máis destacados desta biografía e a longa e frutífera relación entre o autor e o diario. Son catro monólitos que a través de textos, fotografías e páxinas do periódico dan unha idea cabal desta vida extraordinaria. Poderán verse durante a Semana das Letras, entre os días 15 e 20 deste mes, en Vigo, na praza da Princesa, fronte o edificio da Casa Galega da Cultura, que alberga tamén a Fundación Penzol, en cuxa fundación participou Fernández del Riego. A mostra inaugurarase este luns día 15, cun acto ás 18.00 horas, no transcurso do cal, ademais, presentarase o libro que La Voz de Galicia ofrece aos seus lectores o Día das Letras, Francisco Fernández del Riego, a tinta de Galicia, unha escolma dos seus textos para o xornal, ao longo de varias décadas, xunto cunha entrevista inédita.