A longa relación de complicidade entre La Voz e Del Riego

FUGAS

SIRO

O intelectual foi un prolífico e lonxevo columnista do xornal, onde atopou unha tribuna para expresar o seu pensamento

12 may 2023 . Actualizado a las 13:55 h.

Na década dos anos 40 do século pasado, Francisco Fernández del Riego iniciou unha colaboración regular con La Voz de Galicia que habería de prolongarse ata o mesmo ano do seu pasamento. Naquela altura, o intelectual escribía en castelán e baixo o pseudónimo de Salvador Lorenzana: o seu compromiso galeguista puxera en risco a súa vida nos inicios da Guerra Civil e na ditadura as cousas non eran menos fáciles. Porén, Del Riego teimou nesa reorganización e reconstrución en múltiples frontes, moitas delas clandestinas, e outras máis públicas, como as súas colaboracións xornalísticas, nas que tocaba temas galegos ou deslizaba ideas importantes en sintonía cos seus ideais galeguistas e democráticos.

Co paso do tempo, esa relación co periódico foi medrando. A firma de Fernández del Riego adquiriu unha regularidade, tanto nas páxinas reservadas aos artigos de opinión como nos diversos suplementos culturais, e converteuse nunha referencia indispensable. E como figura pública que era, La Voz foi dando conta do seu decorrer vital. Xa o fixera nos tempos da Segunda República, cando era frecuente que o nome do activista universitario e galeguista aparecese nas súas páxinas. Conferencias ou mitins políticos contaban coa participación dun «batallador» Del Riego, e así o contaba o diario. Máis tarde, en calidade de impulsor da Editorial Galaxia, como presidente da Real Academia Galega ou como actor importante na restauración democrática durante a Transición, o intelectual era unha presenza cotiá na actualidade do país.

Esa regularidade coa que Del Riego se presentaba ante o seu público alicerzábase na súa gran capacidade de traballo e os seus agudos sentidos da constancia e do compromiso. E tamén, na súa concepción da palabra como vehículo perfecto para a transmisión de pensamento. Como lector precoz que foi, e como lector que foi ata que a idade lle foi limitando a vista, Fernández del Riego era un devoto da palabra escrita, na que vía, ademais, unha fonte inesgotable de pracer lector. Por iso mesmo tamén cría no poder dos libros e dos textos xornalísticos, que cultivou ata o final da súa longa vida. Faleceu a finais de novembro do 2010, pero La Voz aínda publicara uns meses antes o seu derradeiro artigo, dedicado ao inmortal protagonista da novela de Stendhal Vermello e negro, Xián Sorel, como o escribía Del Riego. Neses últimos anos, os seus artigos chegaban ao xornal agrupados de catro en catro ou de cinco en cinco, impresos en papel e que logo había que picar, no argot periodístico.

MIRADA AMPLA

Eses artigos reflicten tamén a amplitude da mirada de Fernández del Riego, ao que ningún feito cultural lle resultaba alleo. Loxicamente, Galicia era a cerna do seu traballo, e a lingua e a literatura recibían un alto grao de atención. Pero a pintura —como Salvador Lorenzana xa escribira na década dos 40 sobre a arte da súa gran amiga Julia Minguillón—, as viaxes —por Galicia, España, Portugal e outros países—, os encontros con diversas personalidades culturais e políticas, e eses praceres que Galicia é capaz de ofrecer, como por exemplo un bo viño, eran temas frecuentes dos seus escritos. Había ocasións, ademais, nas que Del Riego dedicaba as súas columnas a responder a cuestións que chegaban ata a súa mesa, como a historia da lingua.

Conforme foi pasando o tempo, tamén a carga memorialística foi tinguindo cada vez máis a súa produción, que bebía do seu abondoso caudal de experiencia.

En recoñecemento á súa altura intelectual e o seu firme compromiso, La Voz de Galicia outorgoulle a Del Riego en 1994 a súa máxima distinción, o premio de xornalismo Fernández Latorre, instituído en memoria do fundador do xornal, a quen o galardoado admiraba, segundo explicou no acto de recepción. Non foi a única distinción, xa que tamén foi honrado co premio Voces do Ano no apartado de cultura. E cando La Voz, co gallo da celebración do seu 120 aniversario, impulsou o fito da Biblioteca Galega 120, non podía faltar un libro de Fernández del Riego: moi apropiadamente o seu título foi o ensaio Galicia. Esa longa relación de complicidade que se foi tecendo entre o intelectual e o periódico deu como resultado un corpus inxente de textos que non só foron clave no seu tempo, senón que son fundamentais para entender a súa obra.