Unha foto amosa a Francisco Fernández del Riego de festa bailando diante duns gaiteiros, testemuño do seu carácter optimista, amante dos pequenos praceres da vida. Con ese mesmo entusiasmo debeu acometer os seus primeiros traballos na editorial Galaxia, como ir percorrendo as librarías viguesas para deixar uns cantos exemplares en depósito de Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, título inicial da editora en 1951. Ou cando debía encargarse de pasar a máquina os manuscritos que lle remitía o seu amigo Ramón Otero Pedrayo, véxase a edición ao ano seguinte de Polos vieiros da saudade. Unha tarefa non sempre agradecida, a de mecanografar orixinais e unificar criterios ortográficos —así o apunta Malores Villanueva en Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia)— que o intelectual asumiu con ese aire de bailador lixeiro que recolle a fotografía. Renunciara á secretaría da editora logo dunha crise persoal, pouco despois da constitución da empresa, pero seguiría vencellado á comisión executiva mentres editaba a Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Xosé Luís Méndez Ferrín. É dicir, que seguía bailando en prol da cultura do país. Pero bailando nun segundo plano.
A finais de 1960, Otero Pedrayo, Gómez Román e Xaime Isla chamaron á porta do seu despacho de avogados, na rúa Velázquez Moreno, e pedíronlle que volvese á primeira liña. Galaxia non marchaba ben e precisaba un revulsivo, novos bailes. E Paco asumiu a xerencia da editorial mellorando os resultados económicos da empresa e impulsando as relacións culturais co exterior. Así a todo, o editor vocacional que levaba dentro insistiría en danzar cos gaiteiros. Meses máis tarde de aceptar o cargo, en 1961, activou a colección de poesía Salnés canda Celso Emilio Ferreiro e Emilio Álvarez Blázquez, inaugurando o seu percorrido con Nenias, de Aquilino Iglesia Alvariño. Teimou en alentar a Álvaro Cunqueiro para que aumentase a súa produción en lingua galega; nese mesmo ano, sae á luz Se o vello Sinbad volvese ás illas. Recuperou a Vicente Risco, tamén en 1961, coa edición de Leria. E diante da máquina de escribir mecanografou, en 1970, as once entregas da novela Maxina ou a filla espúrea (1880), de Marcial Valladares, que descubrira consultando a revista La Ilustración Gallega y Asturiana nos fondos da Penzol.
Pero o baile de Francisco Fernández del Riego con Galaxia, como é sabido, rematou con resaca. En 1991 renuncia como conselleiro da editorial, impotente ante a decadencia do que considerara o seu fogar durante catro décadas. Das súas profundas diferenzas con Carlos Casares, daquela director da casa, falou con Perfecto Conde en Conversas con Paco del Riego (Xerais): «A Galaxia desatendeuna moito. Aínda que en certos aspectos mostrou eficacia, a editorial esmorecía con el». Froito deses desacordos, debeu ser moi duro para un persoeiro do seu talle ver como non era convidado en 1989 á presentación da nova etapa de Grial —revista que dirixira con Ramón Piñeiro durante un cuarto de século—, como se lle negaba a publicación de O cego de Pumardedón (1992), novela que finalmente aparecería en Ir Indo, ou como era relegado a un lugar secundario durante os actos celebrados polo cincuenta aniversario da empresa, no ano 2000. En 1996, escribira en A xeración Galaxia: «Estiven no suco día a día, teimosamente, co espírito decote alerta. Amarrado ó duro banco do laboreo vario». Quizais ata que, posuído polo seu optimismo radical, saltaba do asento para botar un baile diante dos gaiteiros.