O CDG saca a Shakespeare fóra do teatro

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

A nova montaxe da compañía pública condensa catro obras do dramaturgo inglés, cada unha con direccións distintas, nun espectáculo no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago, ata abril

17 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Observar como se relacionan Cleopatra e Marco Antonio a escasos centímetros. Ver como morre Xulio César a menos dun metro ou incluso estar en contacto físico co elenco artístico por momentos. En definitiva, percibir o que cada un dos 47 personaxes de Shakespeare en Roma senten durante máis de dúas horas. A nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), que se pode ver ata o 2 de abril en Santiago, non é unha representación máis de textos de William Shakespeare: nin polo escenario no que se desenvolve, nin pola dirección nin pola dramaturxia.

Todo é singular neste «desafío» marcado tanto polo espazo escénico, xa que sae do teatro e se representa no Salón Nobre do pazo de Fonseca, que acumula varios séculos de historia e que habitualmente é escenario de actos solemnes universitarios; como polo feito de condensar nunha única montaxe as catro pezas de Shakespeare situou no Imperio romano.

Cada un dos textos concéntrase en pouco máis de media hora con cadansúa dirección e dramaturxia. Con isto o obxectivo foi que cada bloque tivese unha mirada de profesionais de distinta procedencia e xeración, así como buscar fórmulas para achegar o teatro a novos públicos, explicou o director da unidade de produción teatral da Xunta, Fran Núñez.

Coriolano, baixo a dirección do portugués Rui Madeira e co ucraíno Volodymyr Snegurchenko na dramaturxia, abre o espectáculo falando da realidade actual a través do texto de Shakespeare. Pon o foco na guerra, na ausencia de trigo e de leite, entre outros elementos, con imaxes que remiten á situación que Europa vive agora. «É un discurso de hoxe sobre as palabras de Shakespeare», afirmaba o director luso.

PACO RODRÍGUEZ

O percorrido pola Roma imperial segue con Xulio César. Un relato da conspiración articulada en Roma no ano 44 antes de Cristo que remata co asasinato de Xulio César. Unha peza na que os directores María Barcala e Xúlio Lago, coa dramaturxia de Ana María Carreira, buscaron condensar en media hora todo o que o autor inglés recolle na súa traxedia.

 Antonio e Cleopatra tomará o relevo no pazo de Fonseca nunha versión a cargo de Sara Rey —que se enfronta á súa primeira dirección como profesional— e coa adaptación de Ana Abad de Larriba que pon especialmente o foco na figura de Cleopatra, na dualidade que deixan as imaxes romanas e as imaxes exipcias sobre esta figura feminina.

 O peche desta viaxe a Roma será con Tito Andrónico, a peza de Shakespeare que mostra máis mortes en escena, salienta Quico Cadaval, encargado de poñer o broche a esta montaxe. Nesta condensación da peza que contou coa dramaturxia de Lorena Conde Martínez, máis que no sangue, buscaron poñer o acento nas relacións cos fillos.

 Pero, como se tece toda esta amalgama de pequenas pílulas de textos de Shakespeare para que se converta nunha montaxe compacta? «Cada unha das pezas ten unha personalidade moi marcada, tan marcada que se podería dicir que son catro pezas independentes, pero, de repente, hai dous elementos que obrigan a que todo se vertebre: Shakespeare, que é imposible escapar a el, e o espazo», resaltaba o director do CDG antes da estrea. Tamén a temática serve para ganduxar todo o proxecto, porque unha e outra vez aparecen a guerra, a loita polo poder e a morte.

Funcións de mércores a domingo

Ademais do espazo, Shakespeare e a temática, hai outro nexo de unión das catro pezas: son os mesmos oito intérpretes. Trátase de Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado, que se meterán nos 47 personaxes incluídos nesta particular proposta que se sucede sen ningún tipo de interrupción durante as máis de dúas horas.

Nesta ocasión, o espectáculo do CDG, a diferenza doutras ocasións, unicamente se poderá ver en Santiago e non xirará. Hai funcións de mércores a domingo, a partir das 19.00 horas, ata o 2 de abril. As entradas poden mercarse de antemán a través de Ataquilla ou no acceso ao espectáculo desde unha hora antes.