A constante busca

Ramón Nicolás

FUGAS

O escritor e editor Fran Alonso
O escritor e editor Fran Alonso Miguel Villar

17 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por razóns imputables ao autor desta recensión, son fiel seguidor da obra creativa de Fran Alonso desde que esta comezou a ser pública e case me atrevo a afirmar que, privilexiadamente, mesmo antes de que esta adquirise forma de libro. Botando a vista atrás, foime imposible non deixar de asociar, un tanto inconscientemente, este Poemas inmóbiles de movemento estático, impecablemente editado por Chan da Pólvora na súa colección Areal de Melide, con dous dos seus primeiros libros, igualmente dominados por unha rechamante cor amarela na súa cuberta, como foron o seu iniciático A lúa no probador (1992) e, sobre todo, Tortillas para os obreiros (1996). Sexa casualidade ou non o da cor amarela, e inclínome polo primeiro, o certo é que agroma de xeito inevitable un intento de interpretación diacrónica da súa obra que aquí é imposible de realizar, pero que suscitaría uns resultados sorprendentes. Non é a súa produción, ben o sei, unha metáfora da evolución da poesía galega dos últimos trinta anos, nin creo que o autor escribise nunca pensando nese extremo, mais si se desvela de xeito natural e non planificado un indicio dos cambios que nela se operaron, aínda que sexa só por abrazar unha constante procura de evolución, de insubmisión tamén, cifrada nun intento de adoptar o poder da palabra e a propia comunicación aos novos tempos.

Neste libro, non é difícil bater cunha perspectiva rizomática que beirea o desalento ou a frustración que pode xerar a existencia, xa recreada pola voz do autor desde hai tempo, pero que calla aquí cunha urdime alimentada desde un proceso de reflexión esixente e erixido desde o estrañamento, a dualidade ou o xogo como elementos caracterizadores da súa estética. Todo se ilumina cunha luz nova, oblicua, integradora e global respecto das posibilidades creadoras —no volume ofrécese unha versión dixital en videopoema— que nacen da procura de novas vías expresivas, algunhas á captura do que semella imposible de aprehender, outras apuntando ás manifestacións da experiencia e do pensamento no corpo. Sempre á busca, igualmente, dun mesmo e das luces e sombras que acotío nos acompañan.