O elixir literario da saga das curandeiras

Alejandro MÍnguez

FUGAS

20 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marisa Castro Cerceda, doutora en micoloxía, profesora xubilada da Universidade de Vigo, autora de 25 libros, algúns deles manuais de cogomelos, árbores e plantas dos máis referenciados en Galicia e Portugal, vén de publicar en Hércules de Ediciones a súa primeira novela en galego e castelán, baixo o título A saga das curandeiras. Toda unha descuberta desta mestra de Lugo que domina a técnica novelística á perfección, demostrando que ciencia e literatura van da man, como nesta historia ficcionada da curandeira Rosalía Carcedo (1911-1972).

Marisa Castro considérase primeiro docente e despois divulgadora científica, mais agora tamén novelista, que toma o legado dunha saga de curandeiros na súa familia para facer materia literaria. De feito, ata os 25 anos foi labradora coma seus pais, despois pasou pola universidade. A súa militancia ecoloxista, amante da natureza e defensora da liberdade feminina, especialmente da figura da muller no agro, quedan evidenciadas nesta novela.

O texto é unha interesante viaxe por boa parte do século XX, entre Galicia e Madrid. A protagonista, unha curandeira incomprendida, á que o lector descobre a través da ollada dunha xornalista freelance que, dende a actualidade, busca facer unha reportaxe, mais que acaba por se converter no retrato social dun tempo e dun pobo, fermosamente artellado.

A autora manexa á perfección os tempos e as voces narrativas, arrastrándonos coa súa fluída prosa polas vivencias e lugares habitados por Rosalía e a súa familia, os cales non nos deixan indiferentes, por momentos imbuídos por un bafo de nostalxia, noutros, pola carraxe das inxustizas, e aínda outros nos que a denuncia dos precarios servizos da Galicia rural, a falta de medios e o abandono das súas xentes os sentimos como nosos, como actuais.

Rosalía Carcedo representa unha das moitas sabias que houbo ao longo da historia e que padeceron a incomprensión e provocaron a desconfianza por atesourar unha sabedoría fraguada no silencio e no íntimo. Estas habilidades especiais foron perseguidas polas autoridades civís e relixiosas. Porén, as rosalías foron poderosas entre o pobo, respectadas pola súa sabedoría e merecentes de confianza, cando a axuda era inexistente.

Gustaría de salientar o uso das herbas e dos amados cogomelos da autora, aínda que non é ata na páxina 41 na que cita o primeiro fungo, un fomes que parasita unha árbore e que os protagonistas empregan para non pasar frío.

Herbas e cogomelos que Rosalía Carcedo emprega con fins curativos nun mundo críptico e infravalorado, o das meigas galegas. Unha historia ficcionada que ben podería ser totalmente real.

«A SAGA DAS CURANDEIRAS»

MARISA CASTRO CERCEDA

EDITORIAL HÉRCULES DE EDICIONES PÁXINAS 176 PREZO 21