O rastro dos sedimentos

Ramón Nicolás

FUGAS

Brais Lamela, autor de «Ninguén queda».
Brais Lamela, autor de «Ninguén queda». Cedida

Ninguén queda, de Brais Lamela, consegue seis reimpresións en pouco tempo nunha colección dirixida por Berta Dávila nun selo pequeno pero singular como é o vigués Euseino?

13 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Chego a Ninguén queda, primeira novela de Brais Lamela, cunha dinámica distinta á recepción, tantas veces marcada polo inmediato, das novidades editoriais máis frecuentes que esixe a actualidade e neste caso fágoo grazas ao tantas veces certeiro sistema de boca-orella. Talvez iso explica, entre outras razóns, que esta fose unha lectura plena e esperanzada por atopar unha nova e suxestiva voz.

O libro de Lamela, que consegue seis reimpresións en pouco tempo, nunha colección dirixida por Berta Dávila nun selo pequeno pero singular como é o vigués Euseino?, semella vir da man de alguén que leva escribindo toda unha vida, e facéndoo moi ben por outro lado. Cunha arquitectura establecida en dúas partes sostense un desenvolvemento argumental que estrutura en base a unha confluencia de voces na que salienta a do protagonista que repara naqueles elos que constrúen a súa biografía, isto é, as súas relacións, amizades, familia e, sobre todo, o obxecto do seu traballo: afondar na realidade que significou a apertura dun plan de colonización da Terra Chá con persoas arrincadas da súa contorna por mor do asolagamento das súas terras en Grandas de Salime e o obrigado despoboamento de lugares como Negueira de Muñiz, coa posterior ocupación que se produciu nel nos anos oitenta. Non ficción? En boa parte si, pero aínda hai máis voces como a de quen le esa «non ficción», xunto con fragmentos de corte académico ou a reprodución de entrevistas e textos doutros documentos que ten no seu poder o protagonista.

O fío argumental oriéntase cara a unha reflexión sobre o proceso de desarraigo, cun uso metafórico medido e ao tempo intenso. Tamén sobre os mecanismos que o poder usa desde o espazo doméstico; sobre o significado que comporta o trauma do exilio e a emigración laboral (antes e agora) e sobre a reconstrución xa non de lugares senón daquelas memorias que se anoan aos lugares.

Nun momento apúntase que é imposible entender o significado de marchar sen entender o que se deixa e que volver é deixar un novo rastro de sedimentos. Esta novela axuda a explicalo e este é un dos seus valores. Unha proposta que recomendo pola súa solidez, polo que ofrece e por como o ofrece.