«Apnea», o debut de Lontreira, é un disco que compila nove temas con evocacións musicais moi diversas
06 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Dous días tivemos que agardar para coñecer o primeiro disco galego deste 2023. Chegou o martes da man de Lontreira, un dúo formado por Adri Coyote (Illa de Arousa, 2000) e Héctor Rodríguez, Rocte (Moaña, 2000).
Baixo o título de Apnea, Lontreira compilan nove cancións con referencias e evocacións musicais moi diversas —como adoita ocorrer nos discos de debut— e cinco poemas de profundo e sentido naturalismo emocional, escritos e recitados sobre bases electrónicas pola propia Adri Coyote.
A Lontreira seguiámoslles a pista dende que en xuño gañaran o concurso A Canción do Verán que convoca a CRTVG. Fixérono con Corazón de toxo, unha refrescante cumbia con feituras que mesmo pode lembrar a Ortiga que a divas da nova canción latinoamericana. Corazón de toxo foi a primeira canción que compuxeron xuntos Adri e Rocte, e aínda que forma parte do disco, non é, nin de longo, a máis representativa do perfil deste proxecto.
A proposta de Lontreira susténtase no musical sobre dous pés: unha electrónica que toma moitos préstamos dos 80 e os ritmos latinoamericanos máis bailables (bachata, cumbia, merengue). Aínda que, sobre todo nas cancións de máis recente composición, asoman tamén sutís referencias ao tradicional galego.
«Inspiráronnos dende Baiuca ata Nathy Peluso», apunta Adri. «Eu veño do metal e, aínda que non aparezan como evidentes, si que nestas cancións hai melodías que teñen que ver co que poden facer bandas como Epica ou Nightwish», engade Rocte, responsable das bases.
Pregúntolles por outras referencias que asoman a este Apnea e que nos soan máis próximas. De Ortiga ou Los Rastreadores din que «abriron un camiño moi importante para dar a coñecer este tipo de músicas á xente máis nova». A Berto confesan admiralo e adiantan que están traballando nunha posible colaboración.
Lontreira compuxeron e gravaron este disco nos seis meses que van de xuño a decembro, polo que as analoxías con proxectos coetáneos como Fillas de Cassandra ou Catuxa Salom son froito dun xeito de sentir e crear a música que está calando entre a nova xeración de músicos galegos.
Pero Lontreira non se pode entender só en base aos dous pés xa citados. Hai un terceiro esencial: as letras. Tanto as das cancións como as dos poemas introducidos a modo de interludios. Letras cunha profunda carga lírica, de contido naturalista e emocionalmente comprometidas. Apunta Adri Coyote, responsable da parte literaria, que «o disco conta unha historia sobre alguén que atravesa os problemas comúns da vida, pero relacionándoos cos elementos naturais que vai vendo no seu camiño». Ata chegar ao último poema, no que se desvela todo. «E vólvome tantas cores / que a miña razón chega ó seu fin».