Arte con movemento no Gaiás

FUGAS

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez na inauguración da exposición Camiños Creativos no Museo da Cidade de Cultura. 10/11/2022
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez na inauguración da exposición Camiños Creativos no Museo da Cidade de Cultura. 10/11/2022 PACO RODRÍGUEZ

«Camiños creativos», a exposición impulsada pola Xunta para pechar o Xacobeo, reúne un cento de pezas de mestres como Turner, Constable, Rousseau, Hockney, Sorolla e Courbet

04 ene 2023 . Actualizado a las 21:00 h.

Unhas botas resistentes. Ese era o elemento indispensable na equipaxe do considerado como pai da pintura paisaxista, o inglés Turner, cando iniciou as súas viaxes pola Europa continental a principios do século XIX. As botas resistentes non lle farán falta ao visitante que ata o 9 de abril percorra o andar primeiro do Museo Gaiás, pero si ir devagar para aproximarse ao cento de obras que conforman Camiños creativos, a última gran exposición internacional que organiza a Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo. A mostra, que explora a relación entre arte e desprazamento, inclúe pezas desde o século XVIII ata a actualidade de artistas de diversas xeracións. Non só está Turner, senón tamén figuras como Constable, Courbet, Corot, Rousseau, Sorolla, Hockney, Cartier-Bresson, Cristina García Rodero, Jeppe Hein, Cristina Iglesias, Jesús Rafael Soto e Julian Opie, entre outros. E detrás de todas esas obras, moitas das cales se poden ver por primeira vez en Galicia, un elemento común: o movemento. Obras nas que sen andar, sen saír do estudo, é imposible crealas, outras que esixen movemento ao espectador, pezas que se desprazan e outras nas que a acción creativa xorde do camiñar. Esas son as catro perspectivas distintas en torno as cales se articulan instalacións, pinturas, fotografías e audiovisuais da mostra.

Unha instalación luminosa que reflicte a un persoa andando serve de punto de partida ao percorrido por Camiños creativos, que non só será contemplativo, senón que o visitante deberá ter, por momentos, un papel activo, incluso converténdose nalgún caso en parte fundamental das pezas. Atoparase cos retos de descubrir a mensaxe que se oculta entre as celosías de inspiración vexetal do corredor suspendido de Cristina Iglesias (Premio Nacional de Artes Plásticas), de decidir se se comporta como un turista ou como un peregrino na illa de Gotland no xogo de Juanma López, así como de axudar a completar as melodías cos movementos da marea da británica Victoria Evans. Tamén poderá mergullarse nese labirinto e xogo visual conformado por 3.000 tubos de PVC da obra de Jesús Rafael Soto, sentirse case como nunha discoteca coas bolas suspendidas do teito de Armleder ou ser protagonista real por un momento na peza de Dora Rey cando as accións do espectador aparecen narradas na pantalla.

Referentes do Paisaxismo

Pero no percorrido, que non segue unha orde cronolóxica, tal e como advertiu a comisaria, a compostelá Monserrat Pis, tamén hai tempo para a contemplación. O visitante pode gozar coas paisaxes que plasmaron os británicos Turner e John Constable, así como os franceses Théodore Rousseau e Corot nos séculos XVIII e XIX. Entre os grandes mestres da pintura tamén se atopan David Hockney, Joaquín Sorolla, Courbet, Carlos de Haes e os galegos Maruja Mallo e Serafín Avendaño. Ademais, hai unha presenza importante no percorrido da fotografía, con figuras como Cartier-Bresson, Cristina García Rodero e Virxilio Viéitez.

Non faltan na mostra obras nas que o propio andar é a creación, como esa camiñada pola Gran Muralla de Marina Abramovic, esa hora na que Mona Hatoum arrastrou unhas botas por Brixton, así como os paseos concéntricos de Hamis Fulton. Unhas pezas, moitas veces, cargadas de mensaxes, como as pinturas de Irene Grau empregando as cinzas dos incendios que asolaron Galicia no 2017 ou a acción de Miguel Sbastida portando un anaco de xeo ladeira abaixo. Pero, se todo é andar, tamén as pezas? En Camiños creativos hai obras que se desprazan, como a esfera metálica e os bancos do creador contemporáneo danés Jeppe Hein.

Esta exposición da Cidade da Cultura ten un carácter internacional con obras procedentes de oito países. Para conformala houbo a colaboración de trinta museos e coleccións de Europa.