O teatro dispara a gol para relatar a cara oculta do fútbol profesional

FUGAS

«Caneos, recortes e outras formas de driblar», de Centro Dramático Galego
«Caneos, recortes e outras formas de driblar», de Centro Dramático Galego Sandra Alonso

«Recortes, caneos e outras formas de driblar», a coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Ainé, poderá verse ata o 23 de outubro en Santiago e logo xirará por Galicia

30 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Son noventa minutos de espectáculo. Hai balón. Tamén xogadores, árbitros, adestradores, xornalistas, directivos e, como non, seareiros apaixonados. «Imos suar a camiseta», avisan. Non falta nin a emoción nin intensidade. No entanto, este partido non se disputa sobre o céspede, senón que os seus protagonistas están sobre o escenario. Recortes, caneos e outras formas de driblar, que se pode ver desde onte no Salón Teatro de Santiago, amosa todo o contexto que rodea o fútbol, aquilo do que non se acostuma a falar nunca. En definitiva, todo un achegamento a faciana oculta do deporte rei. E para facelo hai caneos, cambios de ritmo, como no mítico gol de Maradona no Mundial do 86. Comedia e drama. «Podes estar botando unha bágoa e aos cinco minutos estar rindo sen parar. [...] Na miña cabeza, a obra era como unha xogada que remata en gol. Compároo co tanto de Maradona a Inglaterra. O obxectivo é que o espectador non saiba o que vai pasar nos cinco minutos seguintes», explica Tito Asorey, director desta coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Ainé Producións.

Sandra Alonso

Esta montaxe que abre a temporada da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia vai dirixida tanto ao que lle gusta o fútbol como aos que non. «Fala de fútbol, pero tamén dun acontecemento social e humano. Aborda a cara oculta deste deporte e, ao mesmo tempo, as paixóns, o que nos move e o significado do xogo máis aló do negocio. Usamos o fútbol para falar do ser humano», relata Tito Asorey. Con Recortes, caneos e outras formas de driblar «todos se van sentir identificados», engade Xosé A. Touriñán, un dos seis compoñentes do elenco artístico e membro de Ainé. O actor subliña que outros achegamentos anteriores desde o teatro ao considerado como deporte rei «sempre foran para darlle caña». Desta volta a misión é tamén amosar agarimo, «así que lle damos aloumiño, pero tamén paus». Ademais, detalla que o ámbito teatral e o futbolístico teñen moitos máis vínculos do que semella en primeira estancia: «Os dous son espectáculos, provocan sensacións na xente que os ve, e o actor/actriz e o futbolista tamén están conectados, porque moitas veces móvense por modas».

A peza está baseada na investigación realizada por Nacho Carretero, que ademais de nun espectáculo teatral converterase nun libro. Precisamente, a idea de subir ás táboas ese traballo xorde de Touriñán e do escritor tendo en conta a paixón que ambos comparten polo fútbol e tamén para seguir a senda aberta con Fariña —continúa parte do equipo—. O resultado é unha peza na que se achega esa outra faciana, como o mundo das apostas, a homosexualidade tan silenciada, futbolistas que ven como o seu futuro se trunca por unha lesión e a chegada da muller a este deporte. «Os que vaian vela van entreterse, divertirse e vano pasar moi ben. Onde estou eu sempre quero que haxa sorrisos», precisa Touriñán. No espectáculo xoga un papel importante a música, xa que os seis intérpretes bailan e cantan. «O que ocorre é unha festa grande, pero tamén hai profundidade e intensidade», relata o director, resaltando o nivel de esixencia que se marcaron para conformar unha proposta «na que o espectador non levante a mirada do escenario na hora e media que dura. Son 90 minutos nos que pasan moitas máis cousas que nun partido». Como reitera Xosé A. Touriñán: «Por pouco ben que o fagamos, seguro que o espectador o pasa mellor que neses partidos que rematan sen goles». Xunto a Touriñán, suarán a camiseta sobre as táboas Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. «É un equipo de primeira o que estará enriba do escenario», indicara o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o día da presentación do espectáculo no campo de fútbol de Villestro.

A nova montaxe supón un paso máis da compañía pública galega para achegarse a novos públicos. «O CDG é a casa de todos, nesa casa non sobra ninguén e queremos que participe todo o mundo», resaltou o seu director, Fran Núñez. Tamén desde Ainé valoran ese traballo conxunto. A montaxe pode verse ata o 23 de outubro na sede do CDG en Santiago de mércores a domingo. Despois, iniciará unha xira ata principios de febreiro coa que recalará en Carballo —para clausurar o festival FIOT—, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Vilagarcía de Arousa, A Coruña e Ferrol. Touriñán tamén deixa a porta aberta a levala tamén por outros puntos de España, como acontecera con Fariña. As entradas están á venda en Ataquilla.com e de recortes.gal.

Primeira das producións do curso

Recortes, caneos e outras formas de driblar abre a tempada do CDG, que contará con outras dúas propostas propias. Trátase de Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección distintos, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres. A compañía dependente da Consellería de Cultura inviste nas tres producións máis de 600.000 euros e supón a contratación de 18 intérpretes. A previsión é que entre as tres sumen 110 funcións, non só no Salón Teatro, senón tamén en percorridos por outras localidades. A distribución será diferente en cada montaxe.