Fernández del Riego no horizonte

Ramón Nicolás

FUGAS

28 abr 2023 . Actualizado a las 12:41 h.

plenario da Real Academia Galega celebrado o 9 de xullo deste ano adoptou a decisión, como se sabe, de homenaxear co Día das Letras do ano vindeiro a Francisco Fernández del Riego: unha das persoas que en 1963 defenderon a idea de pór en marcha esta iniciativa, alén de presidir a institución e doutros méritos literarios e culturais que, inescusablemente, representa.

O autor deixounos, no ámbito específico da autobiografía, dúas pezas que, alén de robustecer o xénero, se converteron en valiosas contribucións informativas e formativas sobre o galeguismo do século XX. O relato das súas vivencias e experiencias constitúe, aínda hoxe, un galano que axuda a comprender as claves dunha figura como a súa e proxecta ata a actualidade o incansable labor ao servizo do país que desenvolveu na súa longa vida.

Este verán rescatei a lectura Conversas con Paco del Riego, de Perfecto Conde, publicado hai catro anos e que, no seu momento, non calibrei axeitadamente. Explícome: tras a lectura atenta, no seu día, dos dous volumes que subscribiu Fernández del Riego nos que o autor fai memoria detallada da súa vida —O río no tempo (1990) e Camiño andado (2003)— entendín erradamente que un libro de conversas se cadra pouco podería engadir ao que xa era de dominio público. Non é así: o libro nace dun diálogo sostido en diversas sesións en abril do 2008 nas que o entrevistador deixa discorrer a memoria de Fernández del Riego de maneira que afloran, cando menos, dous trazos que sosteñen singularmente o volume, como son a natural espontaneidade que se deriva dunha conversa e a exhibición dun ton menos formal que o incorporado nas memorias, moito máis próximo e mesmo, se se quere, menos cauteloso cando o entrevistado se detén nalgúns aspectos concretos que se refiren tanto a acontecementos políticos como a outros próximos á súa esfera máis persoal.

Velaí como o autor, por exemplo, irisa con outra profundidade o mundo da súa infancia en Lourenzá, incorpora algúns detalles novos da súa estadía en Madrid como estudante ou engade nova información relativa á vida cotiá dos seus últimos anos. Un libro, en definitiva, moi útil e recomendable para situarnos no horizonte das Letras Galegas 2023.