Procesar a dor con Joan Didion

Ramón Nicolás

FUGAS

«O ano do pensamento máxico» é o primeiro libro da xornalista e escritora que chega ao galego 

08 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O poema que Eduardo Pondal dedica a Curros en 1908 sinala que o poeta celanovés caeu nun «momento breve», mais fíxoo como «cousa grande» que o seu «sonido espande». Teño para min que, en esencia, este O ano do pensamento máxico, primeiro libro que chega á lingua galega da fascinante xornalista e escritora Joan Didion (1934?2021), en excelente tradución a cargo de Eva Almazán, resulta un exercicio probablemente necesario e catártico para a autora mais, ao mesmo tempo, revela a profundidade dunha ollada que persegue con teimosía reverter o tempo —esa «escola en que aprendemos» como o denomina a autora—, cuestionar a vida nunha dirección que só vai cara atrás para esculcar as dimensións que encerra a morte, para reflexionar sobre o dó, o loito e o acto de procesar a dor. Mesmo para internarse nesas fronteiras difusas e de sombra que ás veces se atravesan e enmarañan co concepto de culpabilidade, de onde xorde o chamado «pensamento máxico».

Asentado nese xénero da non ficción e escrito en pouco menos de tres meses, parte dun acontecemento moi concreto: Joan Didion e o seu marido volven á súa casa tras visitar a súa filla Quintana, ingresada de gravidade nun hospital. Á hora de cear, o escritor con quen convive Didion desde hai décadas, John Gregory Dunne, derrúbase e falece dun infarto. É, desde ese momento, cando se articula un percorrido narrativo en primeira persoa que mestura memoria e documentación heteroxénea —desde estudos médicos ata diversa literatura sobre o tema— e que resulta, no fondo, unha viaxe que posibilita interrogarse sobre o significado que a ausencia dun ser querido pode provocar e aqueles espazos e evocacións que activan a dor: ese remuíño do que é difícil saír. Velaí, así pois, moito máis que un diario pois o libro é unha esculca, ás veces desesperada, á busca dunha explicación racional, en ocasións mesmo de base científica, sobre a morte. Pouco tempo despois, ademais, Didion perdería á súa filla, malia que esta experiencia quede fóra deste libro.

A vida cambia nun instante: «Séntaste a cear e acábase a vida que coñeces». Velaí a clave que se reitera como un mantra ao longo dun libro profundo, dotado dunha inequívoca intensidade emocional.