Un alalá polo cantor de Valdeorras

FUGAS

Dúas cartas de Florencio Delgado Gurriarán, do Arquivo Fundación Penzol. A primeira é de Rodolfo Prada ao poeta,, e a segunda, manuscrita, de Delgado Gurriarán a Otero Pedrayo pedíndolle colaboración para a revista «Vieiros».
Dúas cartas de Florencio Delgado Gurriarán, do Arquivo Fundación Penzol. A primeira é de Rodolfo Prada ao poeta,, e a segunda, manuscrita, de Delgado Gurriarán a Otero Pedrayo pedíndolle colaboración para a revista «Vieiros».

A Casa Galega da Cultura, en Vigo, acolle unha pequena mostra arredor de Florencio Delgado Gurriarñan

13 may 2022 . Actualizado a las 13:36 h.

Ata xuño pode visitarse na Casa Galega da Cultura, en Vigo, unha pequena mostra arredor da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán. Alí, onde a Fundación Penzol e o Arquivo-Biblioteca Francisco Fernández del Riego acubillan os seus valiosos fondos, expóñense en catro mesas temáticas: manuscritos, fotografías, correspondencia ou primeiras edicións das obras do persoeiro que este ano ocupa o centro dos festexos da literatura galega. O material escolmado achéganos a este valdeorrés de firmes conviccións galeguistas e republicanas.

A sublevación fascista mudou a súa vida, non as súas ideas. Na exposición pode lerse a carta orixinal que, como secretario de Propaganda do PG, en 1938 dirixe a Castelao ou outra que, un ano despois, recibe de Rodolfo Prada cunha lista de refuxiados en Francia entre os que estaban Lorenzo Varela, Rafael Dieste ou Otero Espasandín, ao actuar Delgado Gurriarán como enlace desde París para garantir a saída destes cara a México. Da traumática experiencia da guerra nace o Cancioneiro da loita galega (México, 1943), un poemario colectivo que idea e coordina, e no que tamén insire poemas propios, como o dedicado a Alexandre Bóveda que asina con pseudónimo. O profesor Alonso Montero conta que o tivo na man por vez primeira na Fundación Penzol, unha xoia que se expón xunto a poemas mecanuscrito ou folios manuscritos como os que conteñen o texto O soño do guieiro (Lembranzas de un vello galeguista), enviado para o Congreso Castelao, e cun poema ao de Rianxo publicado inicialmente na revista Galicia.

Antes da lira combativa, Delgado Gurriarán foi poeta animista e cantou á paisaxe e á paisanaxe da súa comarca natal, unha poesía de celebración que sabe a viño, a toponimia, a lingua... En 1936 a súa voz, tamén a lírica, quebrou e o exilio forxou un poeta máis poliédrico que, sen esquecer as súas raíces, introduce a cultura e o léxico aprendido en México nos seus versos. As primeiras edicións das súas catro obras dialogan na mostra con retallos de xornais e poemas que enviou a Fernández del Riego.

Xunto a case un milleiro de refuxiados chegou a terras mexicanas no buque Ipanema, a eles tamén está dedicada unha das mesas, fuxían do fascismo e alí asentaron sen esquecer a causa que os levara á outra beira do Atlántico. Os primeiros números da revista Saudade ou a emblemática Vieiros, non podían faltar na mostra. Esta última foi un referente estético e de contidos da época e como directores, Carlos Velo, Luís Soto e Delgado Gurriarán, asinan un telegrama dirixido a Del Riego no que lle pregaban contactos para o espallamento da publicación. Este documento acompáñase dunha carta a Otero Pedrayo co rogo de que lle envíe un artigo para a revista ao consideralo «o noso mestre e guiador benquerido».

De Delgado Gurriarán contan que era un home moi sensible, que cando regresou a Córgomo despois de máis de tres décadas exiliado chorou e cantou un alalá, tamén que se emocionaba coas pequenas cousas, por iso cremos que lle agradaría esta nosa mostra que nos achega a el e aos exiliados en México. Seguro que celebraría este día cun bo godello e cos ollos nubrados de bágoas ao ver que segue vivo nesta «Galicia infinda».

Poden consultarse os fondos da Fundación Penzol sobre FDG neste enlace https://hoxe.vigo.org/pdf/PENZOL/novas_penzol_25.pdf