A necesaria beleza dun botón

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

RTVE

21 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedei fascinado coa vitalidade de André Ricard, pioneiro do deseño industrial en España, vendo o documental dedicado á súa figura que emitiu o Imprescindibles de La 2. Coa súa enerxía —envexable aos noventa e dous anos— e pola coñecida perfección dos seus traballos, moitos con categoría de lenda absoluta. Erguémonos pola mañá e a maioría non reparamos na excelencia deses obxectos que nos fan a vida máis doada, pero están aí. Sempre dispostos a actuar no noso beneficio. Ao mestre Ricard debémoslle, por exemplo, os interruptores Ibiza. Eses que nos permiten un acto tan cotiá como prender a luz co cóbado cando entramos na cociña cargados coas bolsas da compra. Inventounos en 1974. Ata daquela, os máis comúns presentaban uns bordos que impedían un xesto que hoxe repetimos na maioría das casas.

Pero hai na creatividade de André Ricard, por suposto, unha filosofía que sustenta o traballo perfecto. Frases que lle saen da boca —da intelixencia— a quen observa o mundo dende un lugar onde a utilidade se converte en beleza. Un botón, un imperdible, un clip, son fermosos porque cumpren o seu cometido. «Teño a impresión de que as ideas xa están en algures, nalgún limbo, e só hai que ir na súa procura». Esa intuición, cargada de humildade, serviulle para deseñar cinceiros que evitan o esparexemento da cinza cando alguén abre unha porta, ou as típicas pinzas coas que o domingo apañamos o xeo que lle botamos ao vermú. A vida, que entre outras cousas nos destina a descifrar os mecanismos do corazón, consiste fundamentalmente niso: en buscar o que xa está feito e só agarda a que lle deamos corda.

Unha secuencia de Dersu Uzala mostra o protagonista construíndo unha cabana a toda velocidade cuns ramallos, de xeito que consegue salvar a vida dun amigo cando son sorprendidos por un temporal na tundra siberiana. Lembrei ese momento mentres vía a André Ricard bosquexando uns deseños no papel que logo se transforman en obxectos que quizais non chegan a tanto, pero que converten a esixencia de vivir en algo máis viable e harmonioso. E pensei tamén que estaba ante unha desas persoas insubstituíbles —que nunca nos falten— coas que sabes que sempre te atoparás a salvo. Se cadra non das adversidades inevitables da vida, pero si de non deixar de ver este mundo con ansia de habitalo.