Marian e os gatos

FUGAS

Pilar Canicoba

Os gatos converten a indiferenza en arte. Alleos a todo requirimento, demostran a súa superioridade no bocexo displicente, convencidos de que a intelixencia consiste en marcar distancias e soltar pelo. Pero quen toma a decisión de amar un gato ata a loucura, sen xulgar os seus desplantes, sabe do que son capaces cando abandonan a súa indolencia e se lles dispara o índice de amorosidade. O amor dun gato parécese ao amour fou dese amante que nos desprezaba nun bar de primeira hora e logo nos asaltaba nun after cos baños tan animados coma os do Parlamento británico. Amores que prenden na memoria porque insistían en condenarnos á intemperie para entregársenos despois, por sorpresa, con esplendores divinos. Coma gatos descendendo do seu trono.

Marian Blanco, bilbaína de Ourense, coñecía ben o amor secreto destes animais. Tivo a desgraza de falecer hai agora un ano por mor dunha caída mentres alimentaba os gatos da Barbaña nunha zona de acceso difícil (os vellos aurienses referíanse a este río en feminino, ensina Ferrín). Os que coincidían con ela din que estaba feita dese material humano que fai do mundo un lugar máis respirable, tanto para as persoas coma para os gatos que tanto amaba. Nunca terá unha estatua nin se lle renderán honras oficiais. Tampouco se lle dará o seu nome a unha rúa. Pero Marian, cuxa xenerosidade faría pequenos eses recoñecementos, pasou pola vida abrindo grandes alamedas. Unha calidade moi apreciada polo gatos. Vin que estes días as amigas lle fixeron unha homenaxe. Que deitaron flores no río e que a lembraron con palabras sentidas. Supoño que habería unha nutrida presenza de felinos discretos e altivos, cargados de amour fou para outro momento. Na placa que decora a súa sepultura no cemiterio de Santa Mariña, costeada por iniciativa popular, reza un emotivo «No te olvidamos». Na tumba de Raymond Carver, onde está inscrito o seu famoso Derradeiro fragmento, pode lerse a expresión dese privilexio que só alcanzan os corazóns máis grandes: «E conseguiches o que/querías desta vida?/Conseguino, si./E que querías?/Considerarme amado, sentirme/amado na terra». Marian tiña o amor superior dos gatos.