Tempos aqueles en que liamos a Kant nos bares

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Pilar Canicoba

05 nov 2021 . Actualizado a las 12:27 h.

«Hoxe ninguén se atrevería a publicar a Faulkner, Nabokov ou Joyce». Ao parecer, vivimos na decadencia. Tentei seguir o debate ao respecto nas profundidades de Twitter, onde se enfrontaron defensores desta tese cos seus correspondentes antagonistas, máis benévolos coa contemporaneidade, pero non tiven paciencia para aguantar alén do segundo round. Superado o tempo da argumentación máis ou menos serena, con algúns intentos encomiables, enseguida triunfaron as descualificacións a esgalla, o insulto persoal e os bloqueos twitteiros. Nada que se poida considerar estraño a estas alturas, por suposto, pero que a min sempre me deixa un pouso de perplexidade. Alguén sostén que Luz de agosto non atoparía hoxe editor, outros se rebelan contra o presunto triunfo da banalidade sobre a excelencia, e ao final ninguén se salva de ser considerado algo fascista ou un pouco esbirro de Stalin. En Amanece, que no es poco, onde se tiña verdadeira devoción por Faulkner, sabían solucionar mellor estas diferenzas. Quizais porque, con razón, todos se consideraban continxentes.

Na base desta argumentación que nos levaría a pensar que vivimos na máis absoluta mediocridade literaria advírtese, sen dúbida, o efecto dunha nostalxia interesada moi en voga ultimamente: ese sentimento que idealiza un pasado onde, segundo lemos por aí, debían abundar as relacións laborais satisfactorias, as vivendas en propiedade, as parellas sempre felices e as librarías fartas de vender a Tolstoi ou Thomas Mann. Supoño que estes melancólicos incapaces de distinguir talento nunha contemporaneidade decrépita tamén terán nostalxia de como se insultaba antes nos círculos letrados, a cara descuberta, sen o anteface que hoxe nos regalan as redes ominosas. Dos días felices de hai case unha década, por exemplo, cando soubemos daquel ruso entolecido que a emprendeu a tiros con outro durante unha discusión sobre Kant. Tempos aqueles, dirán, en que se lía Crítica da razón pura nos bares, entre grolos de vodka. Cando o Ulises de Joyce corría de man en man e se soñaba con pasar unha fin de semana con Lolita en Yoknapatawpha. Cando os debates intelectuais se solucionaban con galanura, botando man dun kalashnikov. Non como agora, que todo queda nun prosaico bloqueo en Twitter.